Camiño Noia, catedrática: "O conto tradicional galego está na UCI"

A tradición contística galega vén de ser recollida pola profesora Camiño Noia no Catalogue of Galician Folktales, un volume que rexistra tipoloxicamente estes contos dentro da tradición oral europea. Publicada en inglés, a obra inclúe relatos da Galiza e de áreas de fala galega de Asturias, León ou mesmo Zamora.
A profesora Camiño Noia presenta un catálogo de referencia internacional sobre os contos galegos tradicionais (Foto: Uvigo).
photo_camera A profesora Camiño Noia presenta un catálogo de referencia internacional sobre os contos galegos tradicionais (Foto: Uvigo).

O Catalogue of Galician Folktales conecta a tradición oral galega coa europea. Que obxectivos persegue con esta publicación?

Os contos galegos, o mesmo que os cataláns, franceses ou portugueses, conectaron sempre (non se sabe desde cando) cos do resto dos países europeos e cos de fóra de Europa. A maioría da narrativa oral (tradicional, popular) é universal. E na Galiza, un país que parece estar afastado do mundo, contáronse os mesmos contos que en Finlandia, Alemaña ou Francia, por falar dos países que coñezo mellor. Aínda que tamén os hai específicos galegos ou do ámbito galegoportugués.

Hai diferentes teorías sobre a orixe dos contos, mais a certeza de cal foi continúa sendo unha incógnita. Coa publicación en 1812 dos contos supostamente alemáns dos Irmáns Grimm descubriuse que eses contos tamén se contaban noutros países do mundo, que non eran de base alemá, nin sequera xermánica.

Así que a conexión existe desde tempos remotos. E xa o demostrei no Catálogo tipolóxico do conto galego publicado en 2010 pola Universidade de Vigo. O que engade o Catalogue of Galician Folktales é que con esta edición na lingua “universal”, en que se converteu o inglés, os e as folcloristas do mundo poden consultalo e ver como na área lingüística do galego hai moitos contos do catálogo internacional, que hai tamén nos seus países. Ademais de estar en inglés, o libro ten importancia polo lugar onde está publicado, pois na Universidade de Helsinki está o centro internacional de folclore. Ese centro edita a colección FFC (Folklore Fellows’s Communications) desde inicios do século XX e aí están publicadas as varias edicións do Catálogo Internacional de contos (The Types of International Folktales) desde a de 1928 até a de 2004; ademais de catálogos doutras áreas lingüísticas como a catalá e a portuguesa.

O obxectivo que marquei coa edición inglesa, FFC, nº 322, foi o de pór no ámbito internacional os contos que temos recollidos na Galiza, onde houbo moitos centos máis que, lamentabelmente, se foron perdendo coa ruptura da tradición sen que se recollesen.

Que presenta no volume?

Como fan os catálogos de contos, hai un resumo argumental de cada tipo de conto seguido das referencias ás versións (contos dese tipo) que temos rexistradas en lingua galega, na Galiza e nos territorios fronteirizo de fala galega. As versións foron recollas do meu alumnado e as que aparecen nas antoloxías publicadas desde os anos trinta do século pasado no Seminario de Estudos Galegos (labor interrompido pola maldita guerra), até a actualidade, en especial a colección feita en 1963 Contos populares da provincia de Lugo e a de Lois Carré, Contos populares da Galiza de 1968. 

Ten afirmado que o conto tradicional galego é un "patrimonio oral riquísimo". Hai características que o singularizan? Como está a saúde do conto tradicional galego? 

Os contos, aínda que son universais nos motivos esenciais, achegan referencias do mundo polo que circulan, falan de valores e da vida de antano na que viviu a xente que nos precedeu. Polo tanto, a través dos contos tradicionais podemos saber o tipo de alimentación que se facía, os costumes que había ou as historias fantásticas que se utilizaban para explicar os misterios do universo. Hai que dicir que, o mesmo que hoxe, as sociedades da antigüidade eran todas moi semellantes, as diferenzas maiores procedían do tipo de clima e de vexetación de cada lugar. A xente vivía en comunidades, cultivaba a terra e alimentábase dos produtos do campo, tiñan oficios semellantes e había as mesmas necesidades en todo o mundo.

O conto tradicional galego, como o do resto de Europa, está na UCI. As historias tradicionais deixaron de contarse desde hai máis de 50 anos, a medida que se foron perdendo as actividades rurais e a xente nova buscou vida nas vilas e cidades. Os maiores non tiñan a quen contarlles os contos que aprenderan e fóronos esquecendo. 

Desde o seu punto de vista, cales serían as tarefas pendentes? 

Para min, rematar a versión inglesa do catálogo que fixen en inglés para publicalo ou metelo en Internet. De maneira que se aparecen novos contos, a xente interesada poida clasificalos ou, simplemente, mirar os contos recollidos alí. Con iso, darei por cumprido o meu obxectivo como folclorista. 

As tarefas que deberían facer as institucións culturais: Museo do Pobo, Consello da Cultura, Academia e as escolas rurais, sería promover a recolla oral (en gravacións) dos últimos contos que poida haber na memoria da xente. E facelo co mesmo método utilizado en xeografía lingüística polas catro provinciais, comezando polas que hai menos contos, A Coruña e Pontevedra, e logo Ourense; en Lugo fíxose unha boa recolla, primeiro polos mestres coordinados desde o Colexio Fingoi e logo polo Equipo Chaira.

Investigar a tradición oral

A catedrática emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia leva anos traballando na recollida, catalogación e divulgación dun patrimonio oral “riquísimo” mais en perigo de desaparición. Os primeiros froitos destas investigacións viron luz en 2002 no volume Contos galegos de tradición oral. A esta entrega seguiulle no ano 2010 o Catálogo tipolóxico do conto galego de tradición oral: clasificación, antoloxía e bibliografía. Agora vén de presentar o seu máis recente traballo, Catalogue of Galician Folktales, un volume que rexistra tipoloxicamente os contos galegos dentro da tradición oral europea.

Trátase do 322 da serie de monográficos Folklore Fellows' Communications, editado pola rede internacional Folklore Fellows. O monográfico preséntase como “unha obra de referencia" e "unha valiosa fonte de información para aquelas e aquelas investigadores de contos tradicionais internacionais”. 

Comentarios