Concha Losada: "O Museo do Pobo Galego ten que chegar a ser de maneira efectiva o Museo da Galiza"

O vindeiro 28 de maio o Museo do Pobo Galego escollerá, na asemblea do seu padroado, unha nova directiva. A única candidatura que se presentou está encabezada por Concha Losada Vázquez, doutora en Medicina e profesora titular do departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da Facultade de Química da USC. Coñecedora da entidade desde a base, entrou como socia nas primeiras campañas de captación de apoios, leva anos desenvolvendo responsabilidades de representación nesta institución.   
A profesora Concha Losada Vázquez leva anos colaborando coa institución (Foto: Arxina).
photo_camera A profesora Concha Losada Vázquez leva anos colaborando coa institución (Foto: Arxina).

Que lle motivou a dar o paso de presentarse xunto ás persoas que conforman a candidatura?

O primeiro foi que Xusto Beramendi deixou o posto e a maior parte desta candidatura formabamos parte do Consello de Goberno no Museo do Pobo Galego, eu mesma como vicepresidenta. Por dicilo dalgunha maneira, era a progresión natural. Se Beramendi continuase, non habería unha candidatura alternativa. Ao sermos un grupo de xente distinto, traballaremos doutra maneira, mais a nosa proposta será de continuidade. Incorpóranse, iso si, dous membros máis que completan dous perfís aos que xa temos e que eliximos entre todas e todos por unanimidade e consenso absoluto: Uxío-Breogán Diéguez, historiador, e Bieito Pérez, ex director do Museo das Peregrinacións.

O resto de membros xa levamos tempo. María Xosé Fernández, candidata á vicepresidencia, é a única de nós que estivo na foto fundacional do Museo. Lino Lema leva de tesoureiro moitos anos e Francisco J. Sangiao segue como secretario. 

Como chegou vostede a formar parte do Museo do Pobo Galego e dos seus proxectos?

Coñecín o Museo do Pobo Galego e fíxenme socia practicamente pouco despois da súa fundación. Sempre me pareceu unha empresa importantísima, representativa do país. Mireina sempre con moita reverencia. Fun socia desde que se comezaron as campañas de captación de socias e socios. 

Un día, María Xosé Fernández Cerviño chamoume para colaborar nunha tarefa concreta do Museo: comezar a axudar a ordenar o arquivo de música tradicional, pensando en facer, daquela, a edición dun disco con pezas que achegaran á institución Mini e Mero e que formaran parte das recollidas de toda a súa vida. Así comezou o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) que aínda coordino hoxe. Require dedicación mais xera mil tipos de riqueza para min.

É a miña aportación ao país, ademais nun ambiente onde o traballo voluntario, a diferenza doutros contextos da sociedade, é toda unha tradición. Foi unha empresa que naceu da sociedade civil como tarefa colectiva. Todas as socias e os socios teñen abertas as portas a mil tipos de colaboracións diferentes. Reforzar isto é, se cadra, o máis importante que temos por diante nun futuro próximo. 

Que papel xoga na actualidade o Museo e cal deberá xogar no futuro? 

Creo que na actualidade xoga un papel referente para moitas persoas. Hai un dato significativo do ideario que ten a xente a respecto do museo. Case todo o mundo se sorprende cando entrando no Museo descubre que non é unha institución pública, que non somos da Xunta.

Trátase dunha institución privada sen ánimo de lucro. Somos herdeiras e herdeiros de persoas que se podían permitir soñar cun traballo feito polas galegas e polos galegos colectivamente e de maneira voluntaria. Naturalmente hai persoal traballando no Museo que non son voluntarios, mais si o é a directiva e as achegas de socias e socios.

A sorpresa vén por ser un museo magnífico e cren que unha entidade así debería ser pública. Temos ese sentido de público por ser "noso", de todas e todos, sen pertencer á Xunta. Con todo, é cabeceira do conxunto de museos etnográficos da Galiza por lei. 

Quedan moitas cousas por facer. Seguramente unha importante é que o Museo do Pobo Galego ten que chegar a ser de maneira efectiva o museo da Galiza, de toda a Galiza. Está en Santiago e para moitas cousas hai que vir aquí mais a nós gustaríanos que en cada curruncho do país houbese ese sentimento de que é de toda a Galiza. 

Comentarios