aRi[t]mar recoñece Arancha Nogueira co premio á Mellor Poesía do Ano

Segundo destaca a organización da gala, 'Mamá fala en linguaxes de documentos predeterminados', de Nogueira, profunda no universo poético que a autora propón na súa obra 'Antese'.
Arancha Nogueira. (Foto: Arxina)
photo_camera Arancha Nogueira. (Foto: Arxina)

O público da gala aRi[t]mar decidiu distinguir co Premio Mellor Poesía do Ano 2022 na Galiza a 'Mamá fala en linguaxes de documentos predeterminados', da ourensá e colaboradora de Nós DiarioArancha Nogueira. Do mesmo xeito, a barcelense Maria Isabel Fidalgo fíxose con leste mesmo galardón en Portugal, grazas a 'Se de súpeto perto fosse um verbo'.

No caso galego, por detrás dos versos de Nogueira quedaron 'Se algunha cousa queren comigo', da pontevedresa Lorena Conde, e 'As Amigas', da compostelá Yolanda Castaño.

As obras gañadoras

Segundo destaca a organización da gala, 'Mamá fala en linguaxes de documentos predeterminados' profunda no universo poético que a autora propón na súa obra Antese.

Aquí, a poeta asume o papel de filla para falar da súa nai e faino cunha cadencia entre o cotián e o puramente metafórico.

Ao lado sur do Miño, 'Se de súpeto perto fosse um verbo', de Maria Isabel Fidalgo, parece unha colección de anhelos que xorden dun condicionante que a autora pon encima da mesa coa intención de facer voar a súa imaxinación, ou quizais a súa memoria, até o centro da paixón que esperta o contacto humano, destaca o xurado.

Por detrás de Fidalgo quedaron 'Podia-te chamar Lisrio', de Fernando Machado Antunes, e 'Faço uma curta viagem', de Maria Teresa Dias Furtado.

Comentarios