Allariz restaura a obra de Agustín Ibarrola

Principia o proxecto de conservación da peza 'Pedras e árbores' 
Creación de Ibarrola no Ecospazo O Rexo, en Requeixo de Valverde. (Foto: ES de Conservación e Restauración de Bens Culturais) #ecoespazo #allariz #ibarrola #orexo #requeixodevalverde
photo_camera Creación de Ibarrola no Ecospazo O Rexo, en Requeixo de Valverde. (Foto: ES de Conservación e Restauración de Bens Culturais)

O artista vasco Agustín Ibarrola realizou en 1999 unha obra de gran beleza, en plena natureza, que recibe o nome de 'Pedras e árbores' e que está situada no Ecospazo O Rexo, en Requeixo de Valverde, parroquia pertencente ao Concello de Allariz

Trátase dun conxunto artístico disposto ao aire libre e formado por unha serie de rochas traídas de canteiras próximas ao lugar, colocadas en liña á beira do Arnoia e, finalmente, pintadas. Ibarrola escolleu algunhas das árbores de ribeira, que foron tamén pintadas e engadidas así a esta exposición permanente. 

Co paso do tempo, ao tratarse dunha mostra á intemperie, desgastouse a pintura e, por tal motivo, o Concello de Allariz contactou coa Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais da Galiza na procura de axuda para a conservación de patrimonio cultural custodiado polo Concello.

"O sitio é de singular importancia tanto polo ambiental como polo artístico", comenta para Nós Diario Andrea Fernández, da Escola. "Precisamente Ibarrola escolleu o espazo para facer esta instalación artística porque confluían unha paisaxe tipicamente galega e porque había unha vontade de dinamización da contorna coa promoción de actividades no ámbito rural", engade. 

Fernández adianta que a instalación está composta por 71 rochas e por un número de árbores aínda sen precisar "xa que hai algunhas que se perderon co paso do tempo". Así, un dos propósitos desta cooperación é a catalogación do legado de Ibarrola no Rexo, polo que, desde o día de onte e até o 28 de xullo, se desprazarán a este lugar un equipo de catro profesores do centro que, acompañados de estudantes, realizarán un estudo pormenorizado dos elementos que conforman a obra.

Ao tratarse dunha peza de arte contemporánea, e estando o autor vivo, "hai que ter en conta a súa vontade para saber como se vai conservar a súa obra". Mais pola súa situación persoal, o artista non pode tomar esta decisión e será a súa familia, que administra o seu legado, quen decidirá como queren que se conserve. 

"Estamos moi a gusto porque tanto concello como a fundación que nos acolle, así como a xente do Rexo, dannos todas as facilidades", comenta Andrea Fernández. O equipo quedará toda esta semana en Allariz para que as persoas que teñan interese e queiran visitar o espazo poidan coñecer este "patrimonio cultural que temos na Galiza".

Comentarios