CULTURA

Allariz énchese de xardíns terapéuticos co seu festival

Allariz énchese de xardíns terapéuticos co seu festival

Este sábado darase a coñecer a proposta gañadora do XII Festival Internacional de Xardíns de Allariz de entre 10 finalistas. 
M4
photo_camera Detalles dos xardíns que abren este sábado en Allariz (Foto: Nós Diario).

Dez xardíns competirán este sábado no XII Festival Internacional de Xardíns de Allariz por levar o galardón ao mellor espazo  baixo o lema de  'Xardíns Terapéuticos, deseños que curan'.

As obras finalistas elixíronse de entre 36 propostas chegadas desde diferentes lugares da xeografía mundial como Ourense, Madrid, Euskal Herria, Colombia, Italia, Estados Unidos de América, Brasil, Escocia ou Montenegro, entre outros. 

"Ao escoller o tema tivemos en conta as circunstancias actuais, despois desta pandemia que vimos de sufrir e a importancia que teñen os espazos verdes en relación á saúde física e mental das persoas", explica a Nós Diario a concelleira de Promoción Económica, Turismo e Comercio, María López

As obras finalistas este 2022, anunciadas con antelación, e que poderán visitarse a partir das 18 horas, son: Bed of flowers (Austria e Noruega), Gardenarium: the health rooms (Italia), Garden is but another name for health (Italia e Montenegro), Jardín Amaoto (Madrid), Legado (A Coruña), Heiwa (Bogotá, Colombia), Pharmacopolium (Madrid), Eu non creo nas meigas, mais habelas hainas (Estados Unidos de América), Camiño do recordo (Madrid) e Árbore da vida (Boborás e Vilamartín de Valdeorras). 

Coas propostas que chegaron á final convivirá a gañadora galega do ano pasado, O camiño cara a emigración de Rosalía, cuxo tema central era a poesía. Tamén contarán cun xardín, como en cada edición do festival, os centros escolares de Allariz.

Máis de tres hectáreas de xardíns terapéuticos

Desde a súa creación en 2010, o festival medrou en superficie e contidos. O evento disporá esta edición con máis de tres hectáreas de natureza traballada para os sentidos e a saúde. A proposta é pioneira na península xunto co portugués de Ponte de Lima

A iniciativa gozou de éxito desde a súa creación. "A media anual de visitantes é de máis 40.000", sinala a edil. Con estas cifras, desde o seu departamento agardan unha moi boa acollida tamén para este ano.

De cara a 2023, López anunciou que a temática escollida será esta vez 'A volta ao mundo en 11 xardíns', e versará sobre a singularidade que ten cada país nun mundo global.

comentarios