mércores 14/04/21
'Movendo os marcos do patriarcado' analiza a figura da condesa

Marilar Aleixandre e María López reivindican nun libro o feminismo de Pardo Bazán

Movendo os marcos do patriarcado, obra arredor do feminismo de Emilia Pardo Bazán e escrita por Marilar Aleixandre e María López Sández, preséntase este 3 de marzo en Vigo.
marilar
Aleixandre é coautora de 'Movendo os marcos do patriarcado'. (Foto: Nós Diario)

Coincindindo coa proximidade do 8-M e coa polémica xerada pola intención da Xunta da facer entrega das Medallas Pardo Bazán ese mesmo día no Pazo de Meirás, e que Inicitiva Galega pola Memoria viu como unha "burla" que busca desvincular Meirás da memoria histórica, o Auditorio da Delegación da Xunta en Vigo é o escenario onde este 3 de marzo se presentará Movendo os marcos do patriarcado, unha obra de Marilar Aleixandre e María López Sández, que Galaxia publica na Colección Feminismos.

As autoras explican como Emilia Pardo Bazán contribuíu, a “mover os marcos do patriarcado”, para, “alén de denunciar a violencia contra as mulleres, dar nome aos mullericidios”. Mais tamén se denuncia a “violencia simbólica”, fronte á que exixe “a fin das discriminacións que impedían ás mulleres estudar e exercer traballos remunerados”.

Coa súa vida e a súa obra, Emilia Pardo Bazán afirmou o dereito a seguir “o seu propio destino”, ao pracer, a tomar a pluma e reivindicar as mulleres “até a última gota de tinta”, explican.

"É un libro no que levamos traballando arredor de dous anos", explica para Nós Diario a coautora Marilar Aleixandre. Decatáronse, conta, de que os estudos que había estaban centrados en determinados libros, mais "como ocorre con moitas mulleres a profundidade do seu feminismo para nós foi unha sorpresa", aclara. "Denunciou discriminacións e violencias e usa a palabra mullericidio. Identifica os alicerces da discriminación", recalca Aleixandre.

A académica salienta que Pardo Bazán di "que a violencia non reside unicamente en que o sistema discrimine, senón que forza as mulleres a aceptalo". "Edifícanse teorías sobre actos brutais, cométese a brutalidade e logo elabórase unha teoría que a xustifique", e Emilia Pardo Bazán di isto, conta Marilar.

Mais tamén fala da outra discriminación, "e tomamos a súa frase, de que as mulleres son mestras de si mesmas, porque ela tivo que ser autodidacta". "Reivindica no Congreso Pedagóxico que se debe permitir ás mulleres estudar e seguir todas profesións posto que se non, para que se lles permite estudar?".

Pero as súas propostas son desestimadas daquela, explica Aleixandre, "e a proposta teórica nin se levou a votación, porque falaba de recoñecer que a muller ten destino propio e que os seus primeiros deberes naturais son para ela mesma". Trazos, ideas e argumentos que afirman o feminismo de Pardo Bazán e a súa vixencia hoxe en día.

comentarios