O Estado denega á Xunta o permiso para entregar as medallas Pardo Bazán en Meirás

A Xunta quere realizar a entrega das Medallas Pardo Bazán no pazo de Meirás. 

Pazo de Meiras. (Foto:Europa Press)
photo_camera Pazo de Meiras (Foto:Europa Press)

O Goberno estatal denega á Xunta da Galiza o permiso para utilizar o Pazo de Meirás para a entrega das Medallas Pardo Bazán, galardón que o Executivo galego entrega o 8 de marzo a persoas e entidades que traballan pola igualdade.

Segundo fontes do Executivo galego, o Goberno estatal rexeita a petición debido ás obras de acondicionamento que se están acometendo tanto no interior como no exterior do recinto.

O Goberno galego solicitara ao Estado levar a cabo o acto nos xardíns de Meirás. Estas medallas, creadas no ano 2019, recoñecerán este ano o traballo da Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense e da Asociación Rede Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo. Ademais, tamén recaerá este premio, a título póstumo, na ex presidenta da Casa Galiza Xapón, Megumi Shiozawa, falecida o pasado mes de marzo.

A Deputación considera a intención da Xunta "unha provocación"

O deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, o nacionalista Xosé Luís Penas, considera en declaracións á Cadena Ser que a petición da Xunta é unha "provocación".

Lembra que o pazo aínda non abriu ao público e cando chegue ese momento terá que ser unha homenaxe á democracia.

A maiores, a Iniciativa  Galega  pola Memoria tacha de "burla" que a Xunta trate de inaugurar Meirás cun acto "alleo" á memoria. Fala dunha nova "utilización retorta" do feminismo e da figura de Emilia Pardo Bazán para tratar de que o Pazo de Meirás sexa inaugurado cun acto "totalmente alleo" á memoria histórica.

Así o sinala nun comunicado remitido aos medios: "O feito de que non se escolla inauguralo cun recoñecemento ás vítimas do franquismo e á propia loita en contra da impunidade e o esquecemento é unha burla á memoria", sinala.

Comentarios