25-X | DÍA DA PATRIA GALEGA

A primeira Alba de Compostela chama a "quererse" e ter "orgullo de cidade"

"Este 25 de xullo lembramos con entusiasmo o momento en que Daniel Rodríguez Castelao pronunciou no Teatro Arxentino de Bos Aires a súa Alba de Gloria, un discurso que nos emociona, que bate nos nosos sentimentos cunha forza épica que en raras ocasións se consegue", salientou a alcaldesa.
Primeira edición da 'Alba de Compostela'. (Foto: Concello de Santiago).
photo_camera Primeira edición da 'Alba de Compostela'. (Foto: Concello de Santiago).

Un Teatro Principal ateigado acolleu esta terza feira, 25 de xullo, Día da Patria Galega e do Apóstolo, a primeira Alba de Compostela, o acto creado polo novo Goberno municipal encabezado por Goretti Sanmartín para render homenaxe a santiagueses e santiaguesas distinguidas e co que a alcaldesa lanzou unha invitación para "quererse" e ter "orgullo de Compostela".

Contra as 13.30 horas, co son dunha gaita e un tambor daba comezo o acto institucional do Concello de Santiago, que recoñeceu o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo,; aos equipos femininos do Hóckey Club RaxoiMaría Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza e directora técnica do Plan Socio-Comunitario de Vite, e Ánxeles González Porto, propietaria do pub Borriquita de Belém e membro da Asociación Cultural Cidade Vella.

Ante a polémica que trouxo consigo este novo acto, que rexeitaron os grupos da oposición —PP e PSOE—, a rexedora reivindicou a "necesidade" da 'Alba de Compostela' porque esta cidade "ten identidade propia" e os "anfitrións" da capital galega "tamén teñen que mirar para si e ser protagonistas da súa propia festa". E iso é o que quixo o Goberno municipal con este evento, explicou, "que Santiago e a súa xente fosen as protagonistas da súa festa". "Ese é o obxectivo único deste encontro: querernos como Concello, que se sabe cidade do mundo, que se sabe capital galega e que soña con contribuír a un futuro mellor", manifestou.

Por iso, "a quen imaxine razóns espurias", convidounos a "quererse, a ter orgullo de Compostela, a conmemorar as súas mulleres e os seus homes. Así mesmo, convidounos a "deixar fóra intereses particulares" e a "sumarse a esta festa", que, apuntou "quere ser de todos e todas as compostelás" e que "quere ser a celebración dunha cidade, dun concello que non merece conflitos innecesarios".

"Este 25 de xullo lembramos con entusiasmo o momento en que Daniel Rodríguez Castelao pronunciou no Teatro Arxentino de Bos Aires a súa Alba de Gloria, un discurso que nos emociona, que bate nos nosos sentimentos cunha forza épica que en raras ocasións se consegue", dixo, ao comezo da súa intervención.

"E por que entendemos que é precisa unha Alba de Compostela? Porque consideramos que esta cidade universal, acolledora, destino de camiños, crisol de culturas, admirada en todo o mundo, capital de país e patrimonio da humanidade ten, ademais, identidade propia, ten homes e mulleres que se senten composteláns, santiaguesas, picheleiras que viven as súas tradicións, que gozan das súas festas, que lembran o gando na carballeira de Santa Susana ou as leiteiras cargadas coas súas sellas no Toural e, se por idade é imposíbel que manteñan esas imaxes na memoria, saben que alí estiveron, porque son parte da súa historia", proseguiu.

Son mulleres e homes, salientou, "que cada día queren facer aínda máis grande este concello, que forman parte dunha Universidade que é xa corazón de Compostela, que abren e conservan os seus comercios, que manteñen vivo o seu rural, que imaxinan proxectos novos, que levan o nome de Santiago con orgullo en competicións internacionais ou en investigacións científicas pioneiras".

Dito todo isto, pasou a dar os parabéns ás persoas recoñecidas nesta primeiro Alba de Compostela. "Son exemplo da diversidade do noso concello, da pluralidade dos distintos ámbitos que o compoñen, do dinamismo dunha cidade con historia e con futuro", manifestou.

Comentarios