Unha Alba de Gloria co seu centro localizado en Compostela

O Concello toma Castelao como referente para crear un acto cívico o 25-X
O Pazo de Raxoi, na praza do Obradoiro, é a sede do Goberno municipal de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O Pazo de Raxoi, na praza do Obradoiro, é a sede do Goberno municipal de Compostela. (Foto: Nós Diario)

"A alocución de don Alfonso R. Castelao, pola beleza da forma e pola fondura dos conceptos, cativou os asistentes a este gran acto que enchían toda a sala e que premiaron a disertación do Sr. Castelao con aplausos que o interromperon algúns instantes e que se fixeron máis extraordinarios ao finalizar o orador a súa Alba da Gloria”. Así describía a revista Galicia. Revista de Centro Gallego o discurso pronunciado por Castelao no Teatro Arxentino de Bos Aires, o 25 de xullo de 1948, como remate das Xornadas Galegas que organizara o Centro Galego de Bos Aires.

O Alba de Gloria foi pronunciado nunhas circunstancias históricas pouco favorábeis para as expectativas do galeguismo e, en xeral, das forzas democráticas. A II Guerra Mundial rematara había tres anos e a fin do franquismo, que os exiliados esperaban que se producise coa caída do fascismo e a vitoria das forzas aliadas, non chegaba.
As esperanzas en que o ditador seguise a mesma sorte que Hitler e Mussolini esvaecían, mais Castelao, aínda sospeitando que non volvería á Galiza, era consciente do valor que o pobo galego lle outorgaba ás súas palabras, elaborou o que sen dúbida é o seu discurso máis extraordinario, unha peza de oratoria na que se mesturan a melancolía e a arenga, a descrición nostálxica e a chamada á acción.

Compostela

No seu discurso, Castelao dálle un protagonismo especial á cidade de Compostela, onde se inicia o día de festa: “O día de festa comeza en Sant-Iago”, escribe, para a seguir facer unha descrición que ten como obxectivo non deixarse vencer polo pesimismo que se derivaba do contexto histórico. Daquela, describe un país convertido en bandeira branca e azul, nunha festa que posúe todos os atributos das romarías populares e que se estende por toda a xeografía galega.

No seu discurso, Castelao dálle un protagonismo especial a Compostela

“Pero hoxe as campás de Compostela anuncian algo máis que unha festa litúrxica no interior da Catedral, con dinidades mitradas e ornamentos marabillosos, de brocados e ouros, con chirimías e botafumeiro, capaz de dar envexa á mesma Basílica de Roma. Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, dun culto panteísta, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbolicamente no Pico Sagro; por cobertura o fanal inmenso do universo; e por lámpada votiva, o sol ardente de xullo, o sol que madura o pan e o viño eucarísticos”. 

E, nese ambiente festivo, Castelao imaxina que se cruza cunha Santa Campaña de galegos inmortais que é ao mesmo tempo, símbolo da historia da Galiza e presaxio dun porvir máis luminoso. Encabezada por Prisciliano, desfilan nela o Mestre Mateo, Eteria, Inés e Xoana de Castro, Pedro Madruga...

O acto institucional que o novo Goberno local de Compostela incorpora aos festexos do 25 de Xullo, atopa aquí uns alicerces que lle permiten pór de relevo o papel da cidade como capital da Galiza, así como recuperar un imaxinario histórico e mítico que se transforma en festa para a cidadanía, nunha celebración que xa está presente nese texto de Castelao.

“Hoxe a nosa imaxinación anda por alá, en festa de saudades, escoitando as cántigas montañesas e mariñeiras que van para Compostela, vendo o noso país embandeirado de azul e branco, con músicas, gaitas, pandeiros, aturuxos e foguetes...”

Pasado e futuro

Goretti Sanmartín, a alcaldesa da capital galega, insiste nese vínculo que se crea entre pasado e futuro, unha relación que estabelecera maxistralmente Castelao no seu discurso cando afasta de si a tristeza do exiliado e decide que “é moito mellor evocar algo irreal, algo puramente imaxinario, algo que co seu simbolismo nos deixe ver o pasado para proveito de futuro”, e máis adiante, cando di que “afortunadamente, Galiza conta, para a súa eternidade, con algo máis que unha Historia fanada, conta cunha Tradición de valor imponderábel, que iso é o que importa para gañar o futuro”. 

A Alba de Compostela nace este ano na cidade, daquela, con esa vocación de que a cidade siga sendo un crisol da cidadanía galega e o lugar que teña “unha representación da sociedade, de xeito transversal e inclusivo, nas celebracións oficiais”, para que non se esqueza o lugar de onde vimos. 


Goretti Sanmartín: “A cidade precisaba sentirse protagonista desta festa cívica”

A alcaldesa da capital galega, a nacionalista Goretti Sanmartín. (Foto: Nós Diario)
A alcaldesa da capital galega, a nacionalista Goretti Sanmartín. (Foto: Nós Diario)

A proposta da nova alcaldesa de Santiago de incorporar un novo acto institucional, Alba de Compostela, á axenda do 25 de xullo, ten claramente a súa orixe no discurso Alba de Gloria, referíndose directamente ao compromiso cívico que se extrae do texto.

“Non existía un acto do 25 de xullo que estivese organizado directamente desde o Concello de Santiago e que fose o suficientemente inclusivo, no que toda a cidadanía de Compostela fose protagonista”, declara Goretti Sanmartín a Nós Diario. “Os actos que se celebran neste día están organizados por outras Administracións, e considerabamos que Santiago, como capital do país, debería asumir tamén unha parte desa festa cívica que se celebra nesta data. Por outro lado, creo que é moi positivo que calquera persoa da cidade se poida sentir identificada neste acto, que reafirmemos Compostela como un proxecto colectivo e inclusivo que se proxecte cara a fóra”.

O vencello co discurso de Castelao viña practicamente dado polo papel principal que ocupa a cidade en Alba de Gloria. “En certo sentido, é continuar simbolicamente con ese desfile que Castelao invoca: significar como referentes todas esas persoas que dunha maneira ou doutra traballaron pola cidade, polo país”, explica a rexedora. 

O acto porá o foco, efectivamente, na construción colectiva que continúan as persoas homenaxeadas, aínda que tamén pretende, di Sanmartín, “unir o pasado co futuro, ver o porvir con optimismo e esperanza. Este ano, por exemplo, celebramos o centenario do Seminario de Estudos Galegos, que estaba moi ligado á Universidade de Santiago. Lembrar as persoas que nos permitiron chegar até aquí é tamén lembrar que sen referentes non podemos avanzar”.

"Alba de Compostela continúa ese desfile simbólico creado por Castelao"

Outro dos elementos simbólicos que Raxoi quere incorporar a esta Alba de Compostela é a estrela de oito puntas presente no escudo da cidade e que se pode ver en varios espazos públicos de Santiago. Recorda o sinal que indicou onde se tiña que construír a cidade cun nome, Compostela, que se relaciona co mito do campus stellae.

“É un elemento simbólico da cidade que talvez non resulta moi coñecido fóra dela. É unha forma de recuperar un elemento emblemático que pode axudar nese labor de proxección exterior, ademais de enriquecer o imaxinario identitario da cidadanía”, conclúe a alcaldesa.

Comentarios