A AELG celebra a súa xornada de literatura dramática este sábado 18 na Coruña

O festival acolle sete proxectos dos cales catro son galegos e tres portugueses.
'O que é o raio, nin maldita idea' peza gañadora do ano pasado.
photo_camera 'O que é o raio, nin maldita idea' peza gañadora do ano pasado.

Este sábado 18 de novembro terá lugar a VIII Xornada da Sección de Literatura Dramática. VI Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2023: Galiza + Portugal, que se vai celebrar no Forum Metropolitano da Coruña. Esta actividade, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), conta coa colaboración do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña, CEDRO e Centro Cultural Português em Vigo do Instituto Camões. 

Para dar apoio e fomento de novos proxectos escénicos a través dunha convocatoria e mostra dos mesmos, dentro dunha xornada para compartir, analizar e debater, naceu este festival que exhibe pezas que están en proceso de creación e que buscan abrir e compartir ese proceso creativo con outras persoas, cun público, e con especialistas en artes escénicas. Ao memo tempo, tamén se procura tender pontes, dentro do Eixo Atlántico peninsular, coa veciña Portugal. 

Esta sexta edición do festival acolle 7 proxectos (4 galegos e 3 portugueses) de Andrea Dunia (A voar), Laura López Esteban (Porvir dun centennial), Sonsoles Cordón (Derma), Renata Flaiban & Grupo de Teatro Comunitário do Campo (Uma Espécie Em Viagem), Samuel Merino & Silvia Penas (Vida útil da porcelana), Fabiano Assis da Silva (A busca) e Alexandre Sá (Neste Momento). 

Logo das presentacións no festival, a comisión organizadora premiarán un proxecto coa posibilidade de que sexa estreado. En 2022, o proxecto gañador foi 'O que é o raio, nin maldita idea', da compañía Souvenir. 

Clase maxistral 

Dentro do programa tamén se inclúe unha clase maxistral sobre un tema relevante para a escena, que nesta sexta edición do festival vai ser “A descentralización na programación de artes escénicas en Portugal, o caso do Teatro Diogo Bernardes”, impartida por Luís Miguel Franco da Silva, director do Teatro Diogo Bernardes de Ponte de Lima (Portugal).  

 

Comentarios