Teatro do Noroeste volve representar 'As damas de Ferrol' nunha nova montaxe

A compañía volve a unha obra estreada hai 20 anos, agora cunha nova dirección a cargo de Clara Gayo.

Eduardo Alonso, autor de 'As damas de Ferrol'.
photo_camera Eduardo Alonso, autor de 'As damas de Ferrol'.

Teatro do Noroeste estreará o espectáculo As damas de Ferrol os días 1 e 2 de decembro, ás 20.30 horas, no Teatro Jofre de Ferrol. Trátase dun texto en clave feminista, no que a compañía conta cunha directora externa á fronte, Clara Gayo. Eduardo Alonso asina o texto, protagonizado nesta nova posta en escena por Mónica Camaño e Casilda Alfaro. O equipo complétase con escenografía e vestiario de Carlos Alonso, iluminación de Eduardo Alonso e produción de Eva Alonso. 

A veterana compañía dá un xiro á súa liña de traballo e presenta unha proposta coa que revisita un dos textos máis senlleiros do seu repertorio, que xa montara hai máis de 20 anos, daquela baixo a dirección do propio Eduardo Alonso, abrindo agora unha nova senda estética e escénica.

A obra

As damas de Ferrol é unha comedia onde a realidade e a fantasía debátense por ter a mesma carta de natureza. A liña argumental avanza e retrocede, léase e desléase como un nobelo imaxinario imposible de descifrar. As personaxes son Lourdes e Maruxa, dúas supostas irmás, xa maiores, que falan sobre elas mesmas, sobre a súa situación actual e sobre os acontecementos que as levaron a ela. Pechadas na súa vella casa, debullan a súa realidade que ben pode ser a súa fantasía ou a verdade máis cruel e implacábel. Entre elas érguese constantemente a evocación dun home, Manolo, que, disque condicionoulles a vida e elas condicionaron a del até levalo a unha suposta e terríbel morte. 

Ambas as dúas estabelecen as súas disputas tratando de comer, ou quizais de devorar, todo o que ante elas se sitúa, realidade ou ficción, cunha ansia só posíbel nos límites da demencia. E como marco infinito, tanto físico como mental, sitúase Ferrol. Unha cidade esfollada, fermento de frustracións, pero tamén xermolo de novas vidas: renacendo sempre das súas desgrazas co seu humor retranqueiro de mil batallas, todas perdidas. 

Teatro do Noroeste é unha das máis veteranas compañías de teatro  da Galiza, fundada por Luma Gómez e Eduardo Alonso en 1987. Na súa dilatada traxectoria leva producido unha gran cantidade de espectáculos polos que recibiu varios premios María Casares e Premios Max.  

Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada por Luma Gómez e Eduardo Alonso en 1987. Na súa dilatada traxectoria leva producido e distribuído unha gran cantidade de espectáculos. Entre estas pezas atópanse textos clásicos, como Rei LearMacbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; textos máis contemporáneos, como Os xustos, de Albert Camús; de autores galegos, como Historias peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre outros.

Tamén realizou montaxes de textos infantís como Piratas, tamén de Alonso, ou Touporroutou da lúa e do sol, de Roberto Vidal Bolaño. Outras das súas grandes producións foi o musical Imperial Café Cantante, Vigo 1936, de Eduardo Alonso, que recibiría os Premios María Casares ao mellor texto, mellor escenografía, mellor vestiario, mellor música e mellor iluminación. As súas montaxes Extrarradios (Comedia das mulleres desamparadas) Último cowboy alzáronse co Premio Max ao mellor espectáculo en galego nos anos 2008 e 2011, respectivamente.

Comentarios