As actas do I Congreso Internacional de Teatro Galego verán a luz en Ferrol

A Academia Galega de Teatro anunciou a presentación en Ferrol da edición impresa das actas do I Congreso Internacional de Teatro. Ademais, entregará o Premio da Academia a Luciano Fernández, técnico do Pazo de Cultura de Narón.
34233759-2f3a-40a4-b395-f5684b129a0c
photo_camera 34233759-2f3a-40a4-b395-f5684b129a0c

A Academia Galega de Teatro presentará en Ferrol (16 de xuño, Ateneo Ferrolán, 19 horas) a edición impresa das actas do I Congreso Internacional do Teatro Galego, un volume de case mil páxinas que recolle as achegas realizadas durante o encontro que tivo lugar en outubro de 2020 e que deseñou os principios teóricos que deberían guiar a creación dun plan estratéxico e dunha lexislación que ampare a creación e distribución escénica para a vindeira década. 

Desde esta institución informan, a través dun comunicado, que no mesmo acto a súa presidenta, Inma António, fará entrega do Premio da Academia a Luciano Fernández Vicente, “pola súa contribución ao sistema teatral e longa traxectoria profesional no Concello de Narón”. 

No programa, ademais, indican que intervirán Luma Gómez, actriz de Teatro do Noroeste, falando do traxecto Do Afeccionado ao Profesional dos últimos corenta anos do teatro; Xoana Balado, directiva da Academia, quen lembrará o I Encontro do Teatro Profesional, realizado no Ateneo Ferrolán no ano 1988, coa participación de alumnado da Escola de Teatro de Narón. 

Un congreso con máis de 70 especialistas

O I Congreso Internacional de Teatro Galego analizou entre o 7 e o 10 de outubro de 2020 temas relacionados coa experiencia acumulada no teatro galego nos últimos corenta anos, sobre os retos que enfronta a arte e sobre modelos externos dos que se poidan extraer ensinanzas no futuro. 

Máis de setenta especialistas participaron en conferencias, mesas de debate e comunicacións e debates para, por unha parte, analizar o presente desde unha perspectiva académica que contribúa a un mellor coñecemento do sistema teatral da Galiza e, pola outra, deseñar os principios teóricos que deben guiar a creación dun plan estratéxico e dunha lexislación que ampare a creación e distribución escénica para a vindeira década.

Organizado pola Academia Galega de Teatro, e baixo o lema Co 2030 no horizonte, o Congreso procurou radiografar a saúde do sector escénico galego até 2020 e tiña como obxectivos principais, entre outros, ofrecer o material necesario para crear un plan estratéxico e unha lei do teatro na próxima década.

Comentarios