A Mostra de Teatro de Cangas premia a Casa Museo Manuel María e Tanxugueiras

A 19º edición terá 16 días de teatro con catro estreas absolutas. Este ano o Premio Xiria ao Labor Teatral será para a Casa-Museo Manuel María e o Premio Mulleres en Acción  para as Tanxugueiras.
Responsábeis institucionais e da Mostra na presentación (Foto: Nós Diario).
photo_camera Responsábeis institucionais e da Mostra na presentación (Foto: Nós Diario).

A 39º Mostra de Teatro Internacional Cómico e Festivo de Cangas terá lugar do 24 de xuño ao 9 de xullo.

Serán un total de 16 días coas artes escénicas e do humor como eixe fundamental mais tamén con actividades de danza, coloquios, presentacións, performance e exposicións.

Os 26 espectáculos previstos contarán co epicentro no recentemente nomeado Auditorio 'Xosé Manuel Pazos Varela' e ocuparán tamén rúas, prazas e outros lugares habilitados da vila morracense.

Premios Xiria e Mulleres en Acción

Nesta edición o Premio Xiria ao Labor Teatral será para a Casa-Museo Manuel María, en recoñecemento pola creación do Certame de Proxectos Teatrais para Compañías Profesionais.

Outro dos galardóns relevantes será o Premio Mulleres en Acción que será para Tanxugueiras "polo impacto social da súa música e do seu discurso, abertamente feminista, que pon en valor e recoñece ás cantareiras e pandeireteiras", segundo a organización.

A programación este ano inclúe 4 estreas absolutas, 9 estreas na Galiza e 3 coproducións, representando case un 73% dos espectáculos que se poderán ver no Auditorio e no Pavillón de Romarigo e máis dun 40% das obras de rúa.

Entre as estreas absolutas atopamos Paxaros no cabo (Pistacatro), Histriónica (Mónica Sueiro), Somos circo (Desastronauts) e Días entre lusco e fusco (Escola de Teatro de Cangas).

Destas catro estreas mundiais, dúas son coproducións da Mostra: Paxaros no cabo e Histriónica. A outra coprodución é Amantis, unha obra dirixida por Tamara Canosa.

Ademais, haberá 9 estreas na Galiza, tres delas de compañías internacionais: Surprise (Pepe’s Show, Chile), Cataplum (Ameba Teatre, Arxentina-Valencia)  e Makers, Premio Nacional de Teatro en Suíza. Entre as outras estreas galegas atópase Los días ajenos de Bob Pop, un monólogo no que o comunicador Bob Pop narra as súas propias experiencias, Pas de deux, que xuntará no escenario a Chevi Muraday e a Miss Beige. 

Ave osos, será outro dos espectáculos que chega á Galiza da man da Mostra, unha obra onde os personaxes, unha parella de osos aos que unha pomba lles revela que van ser pais, debaten sobre un novo modelo de sociedade e outros modos de vivir o amor e a familia.

A Mostra fecharase o 9 de xullo con Voces que no ves, obra da pallasa  Pepa Plana que presenta unha versión feminina do mundo actual do circo.

Comentarios