'Cigarreiras' triunfa nos XXVI Premios de Teatro María Casares con tres galardóns

Outro dos protagonistas da gala foi Terceiro Acto, do Centro Dramático Galego, que conseguiu dous galardóns: actriz protagonista para Belén Constenla e actor protagonista para Eduard R. Cunha Tatán.

Elenco de ´Cigarreiras'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Elenco de ´Cigarreiras'. (Foto: Nós Diario)

Na tarde desta quinta feira desveláronse os galardoados da XXVI edición dos Premios de Teatro María Casares. Nove dos catorce espectáculos que aspiraban a obter algunha das categorías conseguiron levarse un premio ao final da gala. 

Cigarreiras, de Contraproducións e Teatre Romea, acadou tres galardóns, converténdose na gran triunfadora da noite. En concreto, recibiu os premios ao mellor espectáculo, á dirección (Cándido Pazó) e á escenografía (Dani Trillo). 

Pola súa parte, Hugo, de Os Náufragos Teatro, recibiu o premio ao mellor espectáculo infantil. 

Outro dos protagonistas da gala foi Terceiro Acto, do Centro Dramático Galego, que conseguiu dous galardóns: actriz protagonista para Belén Constenla e actor protagonista para Eduard R. Cunha Tatán.

Idéntico número de trofeos acadaron os espectáculos Comando Comadres, de Matrioshka Teatro (actriz secundaria para Anabell Gago e maquillaxe para LaPelu F. Silva) e Othello, de Voadora (iluminación para Nuno Meira e vestiario para Silvia Delagneau).

A lúa vai encuberta, de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, logrou o premio á adaptación-tradución para Vanesa Sotelo. O premio do texto orixinal recaeu na obra A parábola do angazo, de Talía Teatro, cuxa autoría comparten Marta Lado, Araceli Gonda, Jose Prieto, Artur Trillo, Séchu Sende e Diego Rey.

A cazola de Lola, de Tanxarina, marchou da gala co galardón á música orixinal, que asina Ailén Kendelman) e Morgana en Esmelle, de Sarabela Teatro, conquistou un galardón: o de actor secundario, que recoñeceu a Fernando Dacosta, que tamén subiu ao escenario para pechar a gala co seu Manifesto Galego do Día do Teatro.

Comentarios