80 anos do ‘Sempre en Galiza’ de Castelao

O libro veu a luz o 10 de marzo de 1944 en Bos Aires

Capa da primeira edición do 'Sempre en Galiza' e a caricatura de Luis Bagaría para a edición. (Foto: RAG)
photo_camera Capa da primeira edición do 'Sempre en Galiza' e a caricatura de Luis Bagaría para a edición. (Foto: RAG)

O 10 de marzo de 1944 vía a luz en Bos Aires —cidade arxentina que concentraba boa parte da exiliación galega— o Sempre en Galiza de Castelao, da man da editorial As Burgas, unha obra que recolle as ideas chave e senta a proposta doutrinal do nacionalismo galego.

O Sempre en Galiza de Castelao recolle aspectos de relevancia política significativa como a definición de nación, a explicación de que Galiza é unha nación ou como a autodeterminación da Galiza só pode vir dunha auténtica federación de nacións ou da plena independencia das mesmas, tal e como explica Manuel Rei nunha publicación que vén de compartir a Fundación Galiza Sempre con motivo desta efeméride.

Cuestións que, con todo, supuxeron que o que deu en converterse na “biblia do nacionalismo galego” tivese que afrontar unha longa travesía de censura franquista, chegando os primeiros números á Galiza de maneira clandestina.

Neste libro, obra referencial do nacionalismo galego do século XX, Castelao defende como vertebradoras da alternativa patriótica a consideración de nación como suxeito de dereitos políticos en tanto depositaria de soberanía, a defensa dun modelo que cuestione a lóxica sistema do capitalismo e aposta polo antiimperialismo, como vía para unha nova forma de relación entre os pobos.  

O Sempre en Galiza, ao igual que toda a obra do político rianxeiro, responde á vontade da Galiza existir como pobo e, neste sentido, é unha aposta para exercitar na práctica un dereito, o da autodeterminación.

Referente para varias xeracións

Como sinala o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, o Sempre en Galiza “envelleceu ben”. E é que estamos ante un libro que tornou en referente para varias xeracións de nacionalistas galegos e galegas, e moitos dos aspectos discutidos por Castelao nas súas páxinas están, aínda 80 anos despois, de actualidade.

Comentarios