Ourense conmemora os 50 anos das Xornadas de Cinema das Nacionalidades e Rexións

Na tarde deste sábado, 14 de xaneiro, proxectaranse tres filmes de grande importancia dentro da historia do cinema galego.
Fotograma do filme 'O documento', dirixido por Enrique Rodríguez Baixeras - Grupo Enroba, en 1974 (Fotograma: Proxecto Engale).
photo_camera Fotograma do filme 'O documento', dirixido por Enrique Rodríguez Baixeras - Grupo Enroba, en 1974 (Fotograma: Proxecto Engale).

Neste mes de xaneiro ten lugar o 50 aniversario das Xornadas de Cinema de Ourense das Nacionalidades e Rexións. A orixe destas xornadas sitúase entre os días 8 e 13 de xaneiro de 1973, cando se celebrou a "I Semán do Cine en Ourense", na que o cinema galego adquiriu a consciencia da nada.


Nesa primeira edición, a temática central destas xornadas e das vindeiras xiraron en torno as palabras de Xosé Lois López Cid: "Xa é alentador que se fale do noso cinema inexistente, dos nosos directores alienados, do que podería filmarse, do que xa se filma, de formulacións para un futuro. O cinema galego é a conciencia da súa nada: xa é algo" (Programa da I Semán do Cine de Ourense).

O compromiso das Xornadas era buscar conciencia e procurar a independencia económica e política do cinema, como se desprende das palabras de Luís Álvarez Pousa, profesor de Xornalismo Especializado na Universidade de Santiago de Compostela: "O cinema debería seguir sendo o mellor vehículo para cada un dos pobos, nacionalidades e rexións que conforman o Estado español". 

Naquela época de fortes convulsións políticas, pasaron por Ourense realizadores, ensaístas, xornalistas, críticos e estudosos do cinema en xeral, que discutiron sobre as diferentes alternativas ao cinema marxinal das nacionalidades e ao cinema político coas diferentes palestras presentadas.

Entre moitas persoas máis, participaron: Elías Querejeta, José Luis Borau, Juan María Bandrés, Enrique Rodríguez Baixeras, Euloxio Rodríguez Ruibal, Carlos Piñeiro, Eduardo Blanco Amor, Carlos Casares, Ramón Piñeiro, Antonio Román, Carlos Velo, Miguel Castelo, Miguel Gato, Eloy Lozano (da Galiza), Fernando Lara (de Madrid) Llorenç Soler e Julio Pérez Perucha (de Valencia), Alberto Sánchez Millán e Luis Urbez (de Aragón), Miguel Alcobendas (de Andalucía), e Josep Miguel Martí i Ron (de Catalunya).

A formula reflexiva das xornadas xiraba ao redor de coloquios e proxeccións, que incluso se estenderon fóra de Ourense en varios puntos da Galiza e que tiveron repercusión en todo o Estado español con artigos de prensa, manifestos públicos e incluso unha carta dirixida ao entón ministro español de cultura.

Os actos do 50 aniversario das xornadas tiveron lugar este sábado 14 de xaneiro de 2023, na Casa da Cultura de Ourense (rúa Concello 11), espazo en que o Cineclube Padre Feijoo mantén a pantalla de cinema aberta ao público da cidade cunha programación ininterrompida desde 1970. 

Na tarde deste sábado, 14 de xaneiro, a partir das 17.30 horas, proxectaranse tres filmes de grande importancia dentro da historia do cinema galegoO Documento (Enrique Rodríguez Baixeras - Grupo Enroba, 1974), Holocausto (Euloxio Ruibal - Grupo Lupa, 1972) e Illa (Carlos Aurelio López Piñeiro - Equipo Imaxe, 1975). A asistencia é aberta e gratuíta.

Comentarios