A Coruña acollerá a Semana do Cinema Galego do 8 ao 13 de marzo

Exhibiranse as obras finalistas dos Premios Mestre Mateo e as mellores longametraxes e documentais dos últimos meses.
Presentación da Semana de Cinema (Foto: Europa Press).
photo_camera Presentación da Semana do Cinema Galego (Foto: Europa Press).

Esta terza feira presentouse na Coruña a programación da terceira edición da Semana  do Cinema Galego, que se realizará no Teatro Colón do 8 ao 13 de marzo.

Esta mostra exhibirá as producións galegas máis recoñecidas dos últimos meses, como as longametraxes e documentais finalistas dos Premios Mestre Mateo 2022.

No acto de presentación, participaron o deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto, o concelleiro de  Relacións  Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá Juan Ignacio Cordeiro, e a actriz Carmen Méndez, en representación da directiva da Academia  Galega  do Audiovisual (AGA). 

Evento de referencia

Con esta terceira edición, a academia quere consolidar esta mostra como o "gran evento cinematográfico de referencia na Galiza". A intención é impulsar un punto de encontro para o público e artistas, incorporando tamén a cidade como un dos seus escenarios principais como xa fan outras como Málaga, Cannes ou Venecia.

Nesta iniciativa entra a colaboración entre o Concello da Coruña e a Academia  Galega  do Audiovisual que continuará coa celebración da gala dos Premios Mestre Mateo. O seu vixésimo aniversario celebrarase en formato presencial, o día 19 de marzo no recinto feiral Expocoruña

Entrega do XI Premio José Sellier 

Neste contexto, cando se cumpren 125 anos das rodaxes de Sellier, o Concello e a Academia Galega Audiovisual impulsarán neste 2022 a entrega do XI Premio José Sellier.

O fotógrafo galego de orixe francesa, autor de títulos como títulos como Orzán, ondada e Fábrica de gas, é un dos referentes buscados desde a propia Academia para sinalar a importancia desta cidade co cinema

Comentarios