Cinemas Ocultos pon o foco no audiovisual galego

As últimas producións cinematográficas galegas vertebran toda a programación do ciclo Cinemas Ocultos, impulsado desde a XVI Semana de Cine de Cangas. Unha boa panorámica que inclúe longas, curtas e documentais ao carón dunha programación paralela arredor do mundo do cinema.
Fotograma do filme 'Arima', con guión e dirección de Jaione Camborda (Foto: Arima).
photo_camera Fotograma do filme 'Arima', con guión e dirección de Jaione Camborda (Foto: Arima).

A loita obreira protagonizada polas mulleres da fábrica de Pontesa; a historia do cláviceps e a súa relación con multinacionais farmacéuticas, coa CIA ou co nacemento do LSD; a vida ao redor do Entroido; ou a historia tras a figura da poeta Luz Fandiño sitúan Galiza na cerna de Cinemas Ocultos, eixe central da XVI Semana de Cine de Cangas

Desde esta sexta feira, 24 de setembro, a vila canguesa converterase nun dos focos do cinema galego para achegar unha panorámica con algunhas das últimas producións audiovisuais que se están a desenvolver na Galiza. Baixo o subtítulo Cinemas Ocultos, a organización propón “un ambicioso proxecto” levado a cabo polo Cineclub Cangas, que programará 15 títulos durante oito días. 

“Sentiamos que este ano o cinema galego quedara bastante oculto porque, a causa da Covid-19, fecharon moitas salas, sobre todo pequenas, onde se proxectaban moitas das películas galegas", comenta o coordinador do Festival, Xosé Manuel González, a Nós Diario. Estes filmes "practicamente non tiveron difusión nin repercusión ningunha", engade, por iso "pensamos que tiñamos que apostar en apoiar sen ningún tipo de dúbidas a produción feita na Galiza, con produtoras galegas, con actrices e actores galegos e con equipos técnicos galegos”. 

Así, a coordinación do Cineclub Cangas resalta que, nesta edición de Cinemas Ocultos, “na que o cinema galego vertebra toda a programación, a aposta tamén é ofrecerlle ao público a posibilidade de dialogar cos profesionais que dirixen ou protagonizan os traballos", que compartirán as suas experiencias coas persoas asistentes ao ciclo coa fin de achegarlle "un valor engadido a cada sesión”.

As premiadas curtametraxes Carne e Homeless Home, a película 9 fugas ou os documentais Nación e Onde acaba a memoria son algunhas das proxeccións que acollerá o Auditorio Municipal desde a sexta feira 24 de setembro até o sábado 2 de outubro.

'Nación', de Margarita Ledo, abre o programa

A XVI Semana de Cine de Cangas. Cinemas Ocultos abrirá esta sexta feira con Nación, un documental dirixido por Margarita Ledo que narra a loita obreira e vital das mulleres da fábrica de cerámica Pontesa, obra galardoada no Festival de Cine de Sevilla no ano 2020 e cun Mestre Mateo neste 2021. 

A sección documental tamén incluirá as cintas Negro Púrpura, de Illa Bufarda (Sabela Iglesias, Adriana P. Villanueva e Pilar Abades), que se estrea ese mesmo día en cinemas; Onde acaba a memoria, dirixida por Pablo Romero; A poeta analfabeta, realizada por Cósmica Producións (Nati Juncal e Sonia Méndez); mais A media voz, da man de Heidi Hassan e Patricia Pérez Fernández.

'Arima' e '9 fugas' son as longas seleccionadas

As dúas películas de ficción do programa Cinemas Ocultos son 9 fugas, dirixida por Fon Cortizo, galardoada no Festival de Cine de Xixón 2020; e Arima, de Jaione Camborda, premiada no Festival de Cine de Sevilla e "do mellor que se viu este ano no Estado español", valora González.

O mundo das curtametraxes estará representado por Carne, de Kamila Kater, Homeless Home, de Alberto Vázquez, Os corpos, Eloy Domínguez Serén, e Dores, de Coral Piñeiro

Por outra banda, tamén exhibirán catro películas de animación infantil (Mr. Link, A viaxe de Bu, Pipi e o señor sen sono, Fritzi-Un conto revolucionario), mais ningúnha galega porque, "ao non atopar producións, tivemos que recorrer a filmes estranxeiros", explica o coordinador da mostra.

Como programación paralela, contarán coa exposición da mostra "Estética do cinema", da artista Rosa Neutro, mais a presentación do libro da escritora Alba Pino, Al menos no llueve.

Comentarios