O PP envía a policía local a desaloxar a biblioteca de Ribeira

O PP de Ribeira enviou a policía local para desaloxar o peche de estudantado que reclamaba un maior horario da biblioteca municipal. Están pendente dunha xuntanza co alcalde e, de non se celebrar antes de sexta feira, pecharanse a estudar no concello. 

.
photo_camera .

A policía local conseguiu que o estudantado pechado desde as 14:00, hora de peche, na Biblioteca Municipal de Ribeira marchase das instalacións, despois dunha intensa xornada que queda pendente dunha xuntanza co alcalde que se terá que celebrar antes da sexta feira. De non ter lugar a reunión, o estudantado anuncia novos peches, desta volta, na casa do concello que teñen previsto converter en sala de estudo. 

O peche producíase ao mediodía, despois de varias iniciativas encamiñadas a unha maior apertura da biblioteca que non deron froitos, entre elas, unha anterior recollida de sinaturas que se fixo con 350 apoios. Despois de anunciar o peche,  abriuse un diálogo con intermediarios da propia biblioteca co goberno municipal e o estudantado accedeu a parar a mobilización ao se anunciar unha entrevista para a cuarta feira coa concelleira de educación. Unha vez chegou a noticia da anulación da cita, o estudantado decidiu continuar co peche que foi levantado cando a tenente alcalde Dolores Elorduy anunciou que a policía municipal, que se presentou nas instalacións, ía sancionar ás persoas concentradas. 

Falta de vontade política

O estudantado abandonou o peche coa condición e o compromiso de que a sexta feira e o sábado abrirán a biblioteca e que terán unha xuntanza antes de sexta feira para tratar o tema. “Din que é problema de persoal cando se trata de vontade política. Non se está a reclamar un servizo de biblioteca senón de sala de estudo co cal poderíase solucionar sen maiores complicacións”, sinala Luís Pérez Barral, concelleiro do BNG de Ribeira, presente no peche que presentou varias posibilidades ao goberno municipal, entre elas facer constar unha partida nos orzamentos que se aprobarán a vindeira segunda feira. "Hoxe o PP demostrou que non tiña vontade de amañar o tema mais os estutantes e as estudantes van continuar esixindo unha maior apertura da biblioteca neste tempo no que é máis precisa", conclúe Pérez Barral. 

comentarios