PROGRAMA CONCIENCIA

O Nobel de Química 2010 fala en Compostela da reciclaxe de CO2 para convertelo en enerxía

O xaponés Ei-Ichi Negishi visitou Compostela convidado polo Programa ConCiencia e defende a transformación do dióxido de carbono en combustible para mitigar os efectos do cambio climático

O Nobel de Químina no 2010, Ei-ichi Negishi, nunha imaxe de arquivo
photo_camera O Nobel de Químina no 2010, Ei-ichi Negishi, nunha imaxe de arquivo

O premio Nobel de Química 2010, o xaponés Ei-Ichi Negishi, propuxo un proceso de catálise do dióxido de carbono para rebaixar o nivel de oxidación e convertelo en combustible, contribuíndo á redución do quecemento global. Segundo sinalou na súa palestra, ofrecida no Programa ConCiencia da Universidade de Santiago de Compostela, é xustamente porlle freo ao efecto invernadoiro "unha das maiores tarefas" que afronta a ciencia a día de hoxe.

"A natureza, ou Deus, estivo a facer sempre esa reciclaxe do CO2 e da auga polo proceso da fotosíntese, convertendo gases en carbono-hidratos", dixo o investigador, quen destacou que, tomando como referenza o nivel de crecemento da poboación mundial, "nuns 200 anos cumpriría outro planeta para alimentarnos" cos métodos tradicionais da agricultura. Negishi defendeu a transformación do dióxido de carbono en combustible para mitigar o cambio climático "mediante procedementos sintéticos".

Sen saír do mesmo programa ConCiencia, outro premiado co Nobel visitará Compostela nas vindeiras semanas. Desta volta será o de Medicina en 2011 Tim Hunt, que ofrecerá unha conferencia o 9 de maio.

 

Máis en Ciencia
Comentarios