Madrid aproba unha Lei de Telecomunicacións que reforza os operadores e acrecenta a fenda dixital

A nova norma liberalizará e centralizará as competencias en materia de telecomunicacións o que, alertan, incrementará a fenda dixital entre territorios. 

antena-2

Após dar luz verde na Comisión de Industria ao anteproxecto de lei, o Parlamento español aprobará cos votos de PP e PSOE a nova Lei Xeral de Telecomunicacións. o texto lexislativo introduce mudanzas que supoñen a liberalización do sector --a través da inhibición total do sector público no desenvolvemento das redes de telecomunicación-- e recentraliza as competencias que até o de agora posuían as comunidades autónomas ou mesmo os concellos.

Os grupos da Izquierda Plural e o Grupo Mixto, advirten que o novo marco incrementará aínda máis a fenda dixital entre territorios e dará carta branca ás compañías en detrimento dos dereitos d@s utentes, por exemplo, ao flexibilizar as exixencias medioambientais que, polo de agora, condicionaban ao sector. 

Desaparecen as licenzas urbanísticas e medioambientais que serán substituídas por declaracións de responsabilidade

Suprímense as licenzas e autorizacións

E é que o anteproxecto de lei aprobado polo Consello de Ministr@s e transaccionado polo PSOE na Comisión de Industria, suprime a obrigatoriedade de contar con licenzas urbanísticas e medioambientais para o desenvolvemento de redes no sector privado. Estas autorizacións serán substituídas por meras declaracións de responsabilidade. 

Aliás, exime de autorización a colocación de antenas de telefonía móbil nos edificios en aras, din, de garantir o dereito da cidadanía a acceder a redes de maior cobertura e velocidade. Da mesma maneira, a nova lei favorece o uso partillado de infraestruturas entre diversas compañías e mesmo se suprimen as trabas para a concesión de novas licencias. 

No entanto, un dos puntos máis conflitivos do novo marco xurídico aséntase na redución da "dispersión normativa" entre as comunidades autónomas. Neste senso, o goberno español recentraliza as competencias en materia de telecomunicacións e reforza o poder de decisión da Comisión Nacional de Mercados e Competencia (CNMC). 

O Estado liberaliza o sector que fica en mans dos intereses das operadoras

O principal problema da nova norma, sinala Iago Varela, editor do blogue sobre tecnoloxía, Mallando no Android, "é que o Estado deixa de regular" en boa medida. Por exemplo, "os concellos van ter menos posibilidade de axudar" para "despregar redes públicas", unha decisión que ficará en mans dos operadores, explica Varela. 

Iago Varela: "Os concellos van ter menos posibilidade de axudar para despregar redes públicas"

Isto devirá, acrecenta o enxeñeiro en telecomunicacións e blogueiro, en que "haxa unha maior fenda dixiral" nomeadamente en territorios como Galiza, cunha importante área rural aínda sen acceso á rede. "Os que teñan máis dificultade para acceder á rede", apunta, "quedan máis desfavorecidos porque os operadores non invisten neles" argüíndo unha escasa rendibilidade económica. 

Neste senso, sinala Iago Varela, "para mellorar os servizos" como asegura o goberno español, en casos como o galego "é importante a presenza do público" a través da regulación "para garantir que se extenda a banda longa onde os operadores non invisten". 

Máis en Ciencia
Comentarios