Estudarán a biodiversidade vexetal ameazada na Galiza-Norte de Portugal

Un proxecto liderado pola USC identificará as especies de flora ameazadas, creará unha base de datos da súa distribución xeográfica, avaliará os actuais espazos protexidos e implicará a sociedade na súa preservación.
Serra da Groba
photo_camera Serra da Groba

O propósito deste proxecto, liderado pola USC, é inventariar a biodiversidade vexetal transfronteiriza ameazada de Galiza e o Norte de Portugal e así definir os espazos máis importantes para a súa conservación; está financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza España- Portugal 2007-2013 da UE.

O proxecto preséntase en conferencia de imprensa a terza, 29, ás 11:00 horas, na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca. Intervirán o reitor da USC, Juan Casares; o profesor de Botánica da USC e xefe de fila do proxecto, Santiago Ortiz; e o profesor de Bioloxía da Universidade do Porto, Francisco Barreto. Asiste ademais Carlos Bastos Guerra, da Fundação Fernão Magalhães para o Desenvolvimento e do Instituto Politécnico de Viana do Castelo. Todos eles, xunto coa Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais, representantes das entidades participantes.

Os territorios fronteirizos de Galiza e Norte de Portugal comparten unha “forte degradación do medio”

Este proxecto liderado pola USC identificará as especies de flora ameazadas, creará unha base de datos da súa distribución xeográfica, avaliará os actuais espazos protexidos e implicará a sociedade na súa preservación. Os territorios fronteirizos de Galiza e Norte de Portugal comparten unha “forte degradación do medio” que se ten intensificado nas últimas décadas, especialmente no eixo costeiro, segundo constatan os investigadores. Por esta razón, no proxecto formúlanse entre outros obxectivos a identificación das especies de flora ameazadas, a creación dunha base de datos da súa distribución xeográfica, a avaliación dos actuais espazos protexidos e a implicación da sociedade na súa preservación.

Máis en Ciencia
Comentarios