Vilamor aparca en Compostela

Tras percorrer Galiza nunha campaña promocional nunha furgoneta dos anos 70, a última película de Ignacio Vilar chega á capital galega.

 Esta sábado estréase na capital galega Vilamor. Tras percorrer a xeografía galega nunha furgoneta Volkswagen dos anos 70, nunha xira promocional vila a vila e corpo a corpo, Ignacio Vilar chega a Compostela cun filme que mestura o amor coa liberdade e a utopía.

A previa de Vilamor será este venres, ás doce da mañá, no restaurante Pedro Roca, onde terá lugar un encontro co director da película e coas actrices e actores que a protagonizan: Rubén Riós, Sabela Arán e Xoel Yáñez.

O restaurante creará para a ocasión o Menú Vilamor, a modo de proposta para a fusión de cinema e gastronomía. A estrea da película terá lugar ao día seguinte no local da SGAE, tras negárense tanto os multicines Compostela como os de Área Central á súa estrea.

Vilamor recupera a historia da que foi no seu momento unha das comunas máis coñecidas de Europa, a de Nogueira. Fía o relato no encontro dun rapaz dunha aldea da montaña de Lugo co microcosmos de utopía e liberdade da comuna. O de  Ignacio Vilar é, unha vez máis, cinema cen por cen galego, que aposta, ao igual que faciá en Pradolongo por levar ás salas o rural galego.

A promoción opta por unha caste de “campaña de guerrilla”, que procura solucionar os problemas de promoción levando a película cidade a cidade e vila a vila, nesa furgoneta dos anos 70 que té en si imaxe viva do espírito da obra.

Máis en Artes Escénicas
Comentarios