O documental 'N-VI' de Pela del Álamo estréase no CGAC

O retrato da estrada que uniu tanto tempo Galiza e Madrid a través dos que aínda habitan nela pasou polo Festival de Málaga e o DocumentaMadrid.
Pela del Álamo
photo_camera Pela del Álamo

A película documental “N-VI” do realizador compostelán Pela del Álamo preséntase na Galiza logo de estrearse con éxito na XV edición do Festival de Málaga e da boa acollida colleitada tamén en DocumentaMadrid 2012. Será esta quinta feira, ás 21:00h, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Compostela.

A fita, de Diplodocus Producións, é unha road movie que percorre os 600 quilómetros que durante tantos anos conectaban Galiza e Madrid. Esta estrada, que fora unha das máis importantes do Estado, quedou anegada pola autovía A-6, aínda así, del Álamo convídanos de novo a viaxala atopando vida nas súas beiras. Entre o punto de partida e o punto de chegada quedaron atrás os lugares de paso, onde aparentemente xa non acontece nada. O director descúbrenos, a través dos que aínda habitan nela, que na N-VI hai vida.

Segundo o director “É moi interesante que un centro de arte contemporánea se abra a este tipo de creacións cinematográficas que non teñen cabida nos circuítos comerciais. Ademais na Galiza estamos a vivir un momento óptimo no que abrangue o cinema documental, espero que a xente que está facendo isto realidade siga a traballar como nestes últimos anos e que institucións como o CGAC sigan funcionando como espazos para a difusión”. O documental comezou a súa andaina co apoio do Festival Play-Doc e da desaparecida Axencia Audiovisual Galega, cos que o director amósase “especialmente
agradecido”.

O director descúbrenos, a través dos que aínda habitan nela, que na N-VI hai vida.

Traxectoria profesional
Pela del Álamo iniciou a súa carreira profesional no ano 2001 e desde entón traballou en publicidade, ficción e televisión. En 2005 crea Diplodocus Producións e empeza a combinar esa actividade profesional cos seus proxectos propios, sempre no ámbito do cine documental. Desde o ano 2009 participa no laboratorio "O retrato filmado", coordinado por Marta Andreu e organizado polo festival Play-Doc. Entre outras pezas, produciu e dirixiu “A Cuarta Pista” (2006), finalista do DOC'AMATEUR 06 organizado por Canal +.

Imaxe: Iván Nespereira

Máis en Artes Escénicas
Comentarios