A Xunta permitirá que a colección de arte das caixas se venda canda NGB ou acabe fóra da Galiza

O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, responde á deputada do BNG Ana Pontón que "a protección máxima que permite a lei" é a declaración BIC deste patrimonio. Porén, iso non evitará o espolio.

ponton
photo_camera [Imaxe de arquivo: SG]


A única medida que a Xunta está disposta a por en marcha para protexer o patrimonio artístico das extintas caixas galegas, a súa declaración como Ben de Interese Cultural --BIC--, non vai garantir nin a permanencia desas obras na Galiza nin vai impedir que se vendan canda Novagalicia Banco. 

Confirmouno esta cuarta feira o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, nunha comparecencia en Comisión no Parlamento galego e en resposta a unha pregunta oral formulada pola deputada do BNG Ana Pontón. No concreto, o patrimonio que está en risco ou que ten, no mínimo, un futuro incerto, está formado por até 1.343 pezas de Castelao, Laxeiro, Maruja Mallo, Colmeiro, Leopoldo Nóvoa, Tino Grandío, Luis Seoane, Lamazares ou Leiro ademais de unha relevante mostra de arte contemporánea internacional que vai de Picasso, a José P. Croft pasando por Sean Scully, Manolo Millares ou Manolo Valdés.

"Non entendemos que razoamento se fixo e que decisión se tomou para facer da colección parte activa do banco", sinalou Pontón, en referencia á colección de Caixa Galiza, tutelada daquela por unha fundación que tiña a propia caixa. A respeito da colección de Caixanova, "non sabemos cales son as garantías de financiamento para a viabilidade futura da colección de arte". 

Na súa resposta, Anxo Lorenzo parabenizouse porque haberá acceso "ao legado bibliográfico" e reiterou que a declaración BIC "é a protección máxima que permite a lei" e a Xunta non está disposta a facer máis, embora tal declaración evite unicamente que as obras saian do Estado español.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios