Plantar eucaliptos no Camiño de Santiago, 4.800 euros de multa

A Dirección Xeral de Patrimonio vén de sancionar con 4.800 euros ao propietario dunha parcela a carón do Camiño de Santiago Primitivo onde se fixo unha plantación de eucaliptos, segundo nos informa ADEGA. 

A resolución da Dirección Xeral de Patrimonio responde a unha denuncia presentada por ADEGA Lugo por mor dunha plantación de eucaliptos en de Palas de Rei, en pleno Camiño Primitivo. Trátase dunha infracción administrativa grave por incumprimento da Lei do Patromonio Cultural de Galiza (art. 91), sancionada con 4800 euros e reposición da legalidade, ao danar un ben do patrimonio cultural galego.

Segundo nos informa ADEGA, a parcela obxecto da plantación está situada dentro do espazo delimitado de protección do Camiño Primitivo onde se atopan dous elementos ligados ao patrimonio material e inmaterial asociado ao Camiño Primitivo, que son "Os penedos da Casacamiño" e “Os penedos do Hospital”. Estas curiosas formacións de seixo acubillan lendas sobre máxicos castelos nos que habitaban seres míticos. Estes elementos culturais do camiño Primitivo veríanse afectados pola plantación de eucaliptos, ademais de quedaren totalmente ocultos unha vez que o eucaliptal medre.

A organización ecoloxista tamén denunciou esta plantación diante de Medio Rural por supoñer un cambio de usos non autorizado, pero a administración de montes, ao contrario que a cultural, non advertíu infracción ningunha. Segundo ADEGA, “dase a casualidade de que hai aproximadamente 2 anos esta mesma zona sufriu un lume que calcinou totalmente a parcela agora forestada con eucaliptos. Consideramos” que esta plantación con especies pirófitas no mesmo lugar afectado polo lume non é casual, afonda no deterioro do solo e vai en contra do artigo 59 da Lei de Montes, algo que non veu ou non quixo ver Medio Rural.

A asociación lembra que no combate contra o eucalipto hai algunhas ferramentas legais (Lei de Montes, Lei do Patrimonio Cultutal, Lei de Conservación da Natureza) que permiten á cidadanía defenderse contra esta invasión. Sen as denuncias dos colectivos ecoloxistas (máis de 1100 só en Lugo desde a aprobación da Lei de Montes, a maioría resoltas, segundo os seus datos) “a situación sería moito pior”.
 

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios