Inicia a XIV lexislatura

Vox pide que se anule a acta do deputado do BNG

A formación de Santiago Abascal apresentou un recurso para que se revogue a acta de deputado a Néstor Rego e das representantes das formacións soberanistas de Catalunya e Euskadi, baixo a acusación de teren cometido fraude de lei por acatar a Constitución baixo fórmulas que aluden á defensa dos dereitos dos seus pobos e da liberdade.

Néstor Rego na toma de posesión como deputado (BNG)
photo_camera Néstor Rego na toma de posesión como deputado (BNG)

A XIV lexislatura no Estado español iniciou esta terza feira, 3 de decembro, coa constitución das Cortes Xerais e a toma de posesión das e dos deputados do seu escano.

Vox decidiu inaugurar este mandato apresentando un recurso asinado por Santiago Abascal ante a Mesa do Congreso dos Deputados onde solicita que se revogue a acta de deputado de Néstor Rego (BNG) así como a das representantes de Junts per Catalunya, Esquerra, EH Bildu, CUP e PNV.

No escrito de Vox asegúrase que “co beneplácito da Presidencia -en referencia a Meritxell Batet, electa presidenta da Cámara esta terza feira 3 de decembro-, unha serie de deputados conculcaron artigos do Regulamento do Congreso” ao prometer a Constitución afirmando que o facían “por imperativo legal” e engadindo frases en defensa dos seus pobos, da liberdade e do dereito de autodeterminación.

Abascal citou por escrito expresamente as deputadas e deputados destas formacións nacionalistas por empregar unha fórmula que, nas súas palabras, “non permite considerar validamente proclamada a fórmula ritual nin, por tanto, adquirida a condición plena de deputado".

Co seu escrito, Vox pide que a Mesa do Congreso reconsidere a decisión da presidenta Batet de dar por boa a toma de posesión destes deputados e deputadas e revogue o recoñecemento desas actas até que se proceda a repetir o acto de acatamento da Constitución.

Ademais deste recurso ante a Mesa do Congreso, Abascal xa anunciou que acudirá ao Tribunal Constitucional contra as e  os deputados electos soberanistas e contra Batet e os membros da Mesa que a apoien.

O soberanismo toma posesión comprometéndose cos pobos

Á hora de tomaren posesión dos seus postos, todas as deputadas e deputados nacionalistas acataron a Constitución afirmando que o facían por “imperativo legal” e lembraron as súas posicións coa defensa dos seus pobos e co dereito á autodeterminación.

Nese sentido, o deputado do BNG Néstor Rego prometeu a Constitución e, sostendo un exemplar do Sempre en Galiza, comprometeuse de viva voz “a defender a Galiza, a democracia e a soberanía. Por imperativo legal, prometo”.

Nas filas de Esquerra prometeuse acatar a Constitución "pola liberdade dos presos políticos e até a constitución da república catalá", aínda que algunhas delas engadiron máis expresións en contra "do fascismo, o franquismo e o racismo". Desde Junts prometeuse coa mesma fórmula remarcando con "lealdade ao mandato democrático de 1 de outubro, por fidelidade ao pobo de Catalunya, pola liberdade dos presos políticos e o retorno dos exiliados". Na CUP acatouse remarcando a lealdade das anticapitalistas co pobo de Catalunya,

“Até a creación da República Vasca" foi a fórmula empregada por EH Bildu para prometer, mentres que no PNV non se engadiu ningunha fórmula alén do “imperativo legal”.

Na bancada de Unidas Podemos escoitáronse menos engadidos que na anterior toma de posesión. De feito, tanto Pablo Iglesias como Irene Montero e outras deputadas, tan só pronunciaron un “si, prometo”.

Pola súa banda, o Partido Popular solicitou previamente ao acto de acatamento e por carta á presidencia do Congreso a non admisión de xuramentos “con reservas mentais nin por supostos verbais”, en referencia ás expresións realizadas polas nacionalistas, mais finalmente ratificáronse todas as posesións.

Lembranza aos políticos presos

A secretaria da Mesa de Idade, Marta Rosique, representante de Esquerra Republicana de Catalunya foi a encargada de dar lectura á relación de deputadas e deputados electos.

A independentista foi chamada á orde polo presidente da Mesa de Idade, Agustín Zamarrón (PSOE), por ter pronunciado en primeiro lugar os nomes dos deputados independentistas cataláns presos que foron electos nos comicios de 28 de abril mais que non foron habilitados pola xustiza española para participar nas eleccións do 10-N.

Oriol  Junqueras, Jordi Sánchez, Jordi Cuixart e Joaquim Forn, todos eles condenados polo Tribunal Supremo no xuízo do Procés, foron recordados por Rosique. A intervención da independentista colleu por sorpresa até os seus compañeiros e compañeiras de filas, que tardaron en aplaudir.

"O motivo da miña chamada á orde ten a súa razón en que os nomes pronunciados non corresponden a deputados electos”, afirmou Zamarrón, e engadiu que cumpría “esquecer este tempo de nubes pasaxeiras".

Batet, reelixida presidenta do Congreso

A Cámara Baixa seguirá presidida unha lexislatura máis por Meritxell Batet (PSOE) ao ser electa para o cargo en segunda volta, xa que en primeira non obtivo a maioría absoluta que o regulamento esixe.

Batet impúxose con 166 votos na segunda votación (provenientes de PSOE, UP, PNV, PRC, Más País, CC-NC e Compromís) fronte a Ana Pastor, candidata do PP e ex presidenta do Congreso, quen sumou 140 apoios.

Na repetición, Batet non aumentou sufraxios novos, senón que perdeu un, mentres que Pastor sumou os 52 de Vox, xa que esta formación non puido concorrer alén da primeira volta ao se tratar dun desempate. Os de Santiago Abascal presentaran no primeiro intento a secretaria xeral do seu grupo parlamentario, Macarena Olona.

28 votos foron nulos. Entre eles figurou o de Néstor Rego, quen escribiu a man na súa papeleta “Sempre por Galiza”, querendo visualizar desta maneira o seu compromiso coa defensa do país e da axenda galega. Tamén foron nulos os votos emitidos por Esquerra e Junts, que escribiron "Llibertat" en lembranza das e dos presos políticos. Na CUP escribiron nas papeletas “Amnistía i autodeterminació” e as de Bildu clamaron “Askatasuna” (liberdade).

Comentarios