Tres días de folga nos centros de Traballo e Benestar contra a precarización do persoal laboral

O comité de empresa da Consellería de Traballo e Benestar na provincia da Coruña convoca o persoal laboral a tres xornadas de paro (14, 21 e 28 deste mes) para combater a precarización laboral deste colectivo de traballadores, que ten unha das súas expresións en quendas dunha semana seguida.

O persoal laboral dos centros de Traballo e Benestar pode ter até sete días de traballo continuado, encadear dous domingos seguidos,... todo iso cunhas xornadas “abusivas e estresantes”. Un escenario que non cadra cos parámetros de saúde e seguridade laboral que deben guiar unha administración pública.

Aliás, este tipo de quendas afectan negativamente a eidos que, coma o da conciliación laboral e familiar, ten sido nestes anos un dos compromisos que desde as diferentes administracións se teñen comprometido a impulsar.

Mais, tamén, este tipo de xornadas e quendas non afectan só ao persoal, senón que tamén se traducen n@s usuari@s dos centros, pois o servizo prestado pode non sr todo o óptimo posíbel por mor, precisamente, dunhas xornadas abusivas e desacougantes.

Estas son as cuestións que desde o comité de empresa se vén denunciando e alertando desde hai tempo, mais sen obter resposta.

Os responsábeis,sen vontade de atinxir un acordo

A convocatoria destas tres xornadas de folga faise após “diversos contactos coas persoas responsabeis políticas sen que estas mostrasen nin un ápice de vontade en chegar a un acordo para evitar a actual precarización laboral do persoal dos centros da Consellaría”.

Aliás disto, afirman desde CIG-Administración, o comité leva feito diversos actos de protestas así como asembleas coas traballadoras e traballadores, “despois dos que se chegou á conclusión de que a folga é a única saída que lles deixa a consellaría na defensa dos seus dereitos”.

Entre as reivindicacións que se perseguen con esta protesta: “quendas de traballo para o 2013 xustas e equilibradas que respeten os dereitos do persoal laboral e que teñan en conta as compensacións por traballo en domingos e festivos e o descanso por solapamento de xornada”

Comentarios