Sempere, principal novidade do Guardés no encontro fronte ao Zuazo

A capitá e pivote do conxunto galego entrou na convocatoria sete meses despois de romper o ligamento cruzado anterior do xeonllo dereito.
guardes-uneatlantico
photo_camera Un momento do partido correspondente á pasada xornada, na Sangriña (Atlético Guardés)

África Sempere é a principal novidade na convocatoria de José Ignacio Prades para o partido que esta sábado, 17 de outubro, a partir das 17.45 horas, disputará en Barakaldo o Atlético Guardés contra o BM Zuazo. A capitá e pivote do conxunto galego rompeu o ligamento cruzado anterior do xeonllo dereito o pasado 4 de marzo no transcurso do partido contra o Málaga. Agora, despois de sete meses, recibiu luz verde do equipo médico na última revisión, mais o proceso de recuperación continúa, polo que non é seguro que poida gozar de minutos no choque deste sábado.

Sempere dixo estar "contenta e ilusionada de poder volver estar co equipo e axudar no que poida". Ademais, confesou que se atopa "ben, tranquila". Con todo, é realista e recoñeceu que "aínda me queda moito para volver estar ao 100%". "Agora só podo sentirme feliz e afortunada por dar pasos cara a adiante", celebrou a xogadora ilicitana.

Deste modo, Prades contará con 14 xogadoras para o partido contra o equipo que adestra Joseba Rodríguez. Marisol Carratú e Míriam Sempere, en portería; Lorena Pérez, Laura Morais e Daniela Moreno nos extremos; Cristina Barbosa, Patrícia Lima, Erika Rajnohová, Paula Arcos, Sandra Santiago, Estefanía Descalzo e Paulina Buforn, na primeira liña; e África Sempere e Carla Gómez no pivote. Continúan a ser baixa Martina Mazza, Rosario Urban e Sarah Valero.

Ir sumando efectivos "sempre é positivo", valorou o técnico, neste caso "alén de por quen é, polo momento que estamos a vivir en relación ás baixas", apuntou. O caso de Sempere "será un traballo paulatino de reincorporación ao grupo". Será segundo as sensacións que teña no adestramento deste sábado que teña ou non minutos contra o Zuazo.

Defensa agresiva

O conxunto vasco é quinto a dous puntos do Guardés -terceiro- tras dúas derrotas ante o Málaga e o Aula e unha vitoria cómoda na pasada xornada contra Arrecife en Lanzarote. "Non vai ser un partido sinxelo", adiantou Prades, que apuntou varias chaves: "Haberá que ler moi ben a súa defensa agresiva e facer un partido moi serio" ante a presenza de medio milleiro de afeccionados.

Na pasada xornada, o conxunto da Guarda impúxose 33-19 ao Uneatlántico Pereda na Sangriña, no que foi o seu primeiro  partido con público. Tras uns primeiros minutos marcados polos erros e as imprecisións, co paso dos minutos foise facendo co control do partido -ao descanso xa gañaba de sete-, e na segunda parte meteu a directa.

Comentarios