ENTREVISTA A RAFAEL GRANADOS, PRESIDENTE DA ATA

"Temos moitas obrigas e poucos dereitos"

Rafael Granados preside desde 2016 a Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) na Galiza. Leva toda a vida como traballador por conta propia e coñece ben un sector laboral do que dependen no noso país máis de 210.000 persoas. Nesta entrevista amosa certo pesimismo cara a un futuro incerto se non se activan medidas urxentes. Eis un estrato da peza publicada no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza
 
f10_P9_Economia
photo_camera Rafael Granados.

O traballo autónomo é un dos menos coñecidos do ámbito laboral. Malia estar visíbel no noso entorno, vémolo desde un comercio urbano até as explotacións gandeiras, non conta moitas veces nos titulares dos medios de comunicación.

Como é a situación actual do traballador e traballadora por conta propia na Galiza?

A maior parte das empresas que temos aquí son pequenas PEME que non teñen ningún traballador ou traballadora ou como máximo contan con dez no seu cadro de persoal. Nos últimos anos aumentou a cifra de autónomos e autónomas de máis de 65 anos en máis de 63,8% e perdéronse menores de 39 anos.

Galiza ten a porcentaxe maior de traballadoras e traballadores autónomos por poboación do Estado. Cal é o motivo?

Si, na Galiza un 25% da afiliación á Seguridade Social é autónoma. Penso que é por cultura. Aquí sempre se traballou a microempresa, sobre todo no sector da agricultura. Non temos ningún medo cando se trata de comezar unha nova actividade ou arriscar a nosa economía para poñer en marcha un negocio. Noutras zonas como Madrid, Catalunya ou Euskadi teñen máis industria centralizada e a xente buscou máis o traballo por conta allea. Outro dato noso importante e diferenciador é o número de mulleres traballadoras autónomas: Galiza, en proporción ao resto de afiliación, é a que ten máis autónomas.

m10_P9_Economia

Hai tendencia a falar da persoa traballadora autónoma como empresaria…

Hai que diferenciar a lei da realidade. No momento en que nos damos de alta na Axencia Tributaria e na Seguridade Social estamos creando unha empresa, polo que segundo a lei, estariamos no empresariado. O concepto de empresario ou empresaria que se ten na sociedade non é o de autónomo ou autónoma. Sería aquel que ten unha serie de persoal traballador cunha infraestrutura, que funciona na macroeconomía, non como nós. A persoa autónoma é empresaria e, sobre todo, é traballadora É a primeira que abre o negocio e a última en fechalo. Na maior parte non contamos con traballadores ou traballadoras, polo que temos todas as obrigas e moi poucos dereitos.

Están máis indefensas, logo, as persoas co traballo autónomo diante das circunstancias? Que papel xogan asociacións como ATA‑Galiza?

Temos que defender os seus dereitos e traelos á Mesa do Diálogo Social na que non temos entrada polo momento. A nivel estatal 99% das empresas son microempresas, pequenos autónomos e autónomas. 1% define o total das leis das empresas. Todas as leis que se fan rematan negociadas ben pola patronal, ben polos sindicatos e polo Goberno. O autónomo ou autónoma nin é patronal nin é sindicato. Cada vez que fagan novas leis deberían contar cos organismos ou asociacións de autónomos e autónomas. Cando se aproban subas de salarios non é o mesmo que se lle faga a unha multinacional que a un pequeno negocio que está nun barrio. A porcentaxe económica pode facer que feche o negocio. Unha traballadora autónoma non pode estar ligada ás leis da patronal.

“Temos que defender os nosos dereitos e entrar na mesa de diálogo social”

 

Que medidas cómpre adoptar?

Pedimos a igualdade de autónomos e autónomas co traballador e traballadora de Réxime Xeral, o relevo xeracional e a Lei de segunda 
oportunidade onde o fracaso non sexa un castigo, sexa un proceso de aprendizaxe. É fundamental o relevo xeracional. Moitos negocios fecharán nos vindeiros dez anos. Os barrios quedan sen comercios e cando chegue un autónomo ou autónoma a zona xa está baleira. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios