Imprimir

Convocadas concentracións contra as ''violentas'' cargas da policía nun protesto estudantil en Vigo

B.V. | 21 de novembro de 2013

[Imaxe: SG]
[Imaxe: SG]

As organizacións estudantís Comités, Liga e Agir rexeitaron a actuación dos antidisturbios durante unha manifestación contra a LOMCE e chaman ás mobilizacións convocadas na Coruña, en Ourense e na cidade olívica. Tamén BNG de Vigo, AGE, CIG, Galiza Nova e MIR mostraron a súa repulsa perante o acontecido.


As organizacións estudantís Agir, Comités e Liga emitiron senllos comunicados de "solidariedade" coas seis persoas que foron detidas esta cuarta feira día 20 en Vigo cando facían parte dunha manifestación en contra da LOMCE convocada polo Sindicato de Estudantes. Foi este último colectivo quen informou da "desproporcionada" actuación dos antidisturbios para reprimir a acción de protesta, chegando a disparar bólas de futbolín e bólas de goma contra o estudantado. 




En repulsa por esta actuación hai convocadas concentracións para o día 22. Están confirmadas a de Vigo, fixada para as 19h perante a comisaría da policía española na rúa López Mora; e a de Ourense, ás 20h fronte á subdelegación do Goberno español na Galiza. O 21 ao serán houbo tamén un protesto na Coruña, ás 20.30h diante da delegación do Goberno español. 

Contra as "cargas brutais" e o "abuso de poder"

As mostras de solidariedade cos e as manifestantes detidas chegaron desde distintas organizacións. No ámbito estudantil emitiron comunicados as tres do nacionalismo.

Os Comités denuncian o "abuso de poder" da policía "que intenta calar as protestas" da mocidade contra a LOMCE e enfatizan que "non é un caso illado" senón que fai parte "da liña de actuación das forzas neoliberais" para manter a cidadanía "calada".

En liñas semellantes pronunciouse a Liga Estudantil. Facendo referencia á data en que se produciron as cargas, o 20-N --aniversario da morte de Franco--, di esta organización que "seguen no goberno os seus herdeiros fascistas que intentan conter as respostas da cidadanía".

Por derradeiro, tamén o estudantado independentista que fai parte de Agir manifestou o seu rexeitamento contra unha actuación policial que cualifican de "brutal" e propia da resposta "represiva, autoritaria e violenta" que o Estado español ten preparada para os protestos populares. 

Máis mostras de repulsa

Contra unha intervención "desmedida" dos antidisturbios posicionouse tamén a CIG a través da unión comarcal de Vigo. A central sindical considera que os feitos son "especialmente graves" pola presenza de estudantes menores de idade no protesto e fai un chamado a prohibir o uso de balas de goma "pola ameaza que representan" e por ser, ao igual que a violencia policial, unha medida "innecesaria e abusiva" que posúe unicamente "afán represivo".

E a condena chegou tamén desde as organizacións políticas. A través das redes sociais pronunciáronse o BNG de Vigo e AGE. A formación frontista cualificou a intervención policial de "violenta e claramente excesiva" subliñando que entre @s participantes na mobilización había menores de idade. Pola súa banda, AGE denunciou as cargas e chamou á "solidariedade".

Aliás, tamén a organización xuvenil nacionalista Galiza Nova quixo dicir "basta" diante do que consideran "unha represión policial que nos fai revivir o franquismo" e anunciaron o seu apoio ás dúas concentracións convocadas polo estudantado. E a recentemente creada Mocidade Independentista Galega (MIR) condenou o "ensañamento dos corpos represivos" e informaron de que unha das persoas detidas, un mozo menor de idade, é militante desta organización.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/organizacions-estudantis-nacionalistas-solidarizanse-co-estudantado-reprimido-vigo/20131121181948021518.html


© 2020 Nós Diario