Máis de 23.000 millóns de euros do aforro galego emigran en forma de créditos a outros territorios

A fenda entre o diñeiro que acumulan os depósitos bancarios en Galiza (64.000 millóns de euros) e o crédito que se concede aquí (41.000 millóns) alárgase até os 23.000 millóns de euros. Unha boa parte deses cartos van para fornecer créditos noutros territorios do Estado. 

salario soldo cartos diñeiro

Hai 64.000 millóns de euros aforrados por particulares, empresas e administracións nos depósitos bancarios de Galiza. Unha cantidade máis que respetábel. Por poñer un exemplo, o PIB de Galiza en 2017 foi de case 61.000 millóns. Despedimos 2018 con 64.000 millóns de euros aforrados, tres mil millóns máis que cando inauguramos ese ano; mais o crédito continúa a estar moi por baixo do noso aforro: era 40.000 millóns de euros ao arrancar 2018 e apenas se moveu ao finalizar o ano.

A fenda, logo, entre o que se aforra e o que se concede como crédito en Galiza alárgase até os 23.000 millóns de euros. Tradicionalmente esa diferenza era de 15.000 millóns. Diñeiro que en boa medida vai para fornecer créditos noutros territorios do Estado. Como, por exemplo, Madrid, Catalunya ou Valencia, entre outras, onde o crédito que reciben é moito maior que o aforro que a súa cidadanía ten en depósito.

O economista Aleixo Vilas xa ten advertido sobre esta situación. Malia que a poboación galega representa 5,88% da poboación do conxunto do Estado o crédito galego só representa 3,15% do crédito estatal, unha porcentaxe moito menor ao seu peso poboacional. Así, afirmanba en 2016: “O noso país é, despois de Estremadura, onde o crédito per cápita é menor. Así, o peso dos créditos na Galiza no conxunto do Estado con respecto ao peso poboacional que ten Galiza é case a metade (0,54). En senso contrario, Madrid, tendo 13,75% da poboación do Estado, posúe máis da cuarta parte do crédito (27,06%), é dicir, o peso do seu volume de crédito no Estado case duplica (1,97) o da súa poboación e cuadriplica o de Galiza”.

O crédito en Galiza fica moi por baixo do que se aforra en Galiza. Unha realidade que ten sido denunciada no propio Parlamento galego, como fixo a deputada nacionalista Noa Presas, que en abril do ano pasado poñía cifra ao recorte do crédito na Galiza: 31.000 millóns de euros desde o ano 2009. O noso país, explicou a deputada, conta cunha das peores relacións entre créditos e depósitos do Estado. Así, dixo, Galiza é, canda Estremadura, territorio onde o peso do crédito en función do seu peso poboacional sobre o conxunto do Estado é menor.“ Galiza experimentou a peor evolución do crédito do Estado desde o 2009”, criticou a parlamentar nacionalista

Comentarios