O Goberno español comunicou á Comunidade de Madrid que non reúne as condicións para poder pasar o 11 de maio á fase 1 do desconfinamento.
Que o Ministerio de Sanidade se opuxese era de esperar. A Comunidade de Madrid é e foi o principal foco de contaxio do coronavirus e o colapso sanitario resultou moi duro.
Esta semana a presidenta da comunidade, Isabel Díaz Ayuso (PP), valoraba que a rexión non estaba preparada aínda para pasar de fase e, horas despois, coñeceuse que o seu Goberno solicitara finalmente ao Ministerio avanzar á etapa 1.
A propia Ayuso admitiría na quinta feira que o seu cambio de criterio se produciu logo de reunirse cos sectores económicos. Así pois, o valor da economía pesou máis que os criterios sanitarios. Ayuso chegou a amosarse de feito partidaria de reactivar a cidade e dixo nunha entrevista esta sexta feira, 8 de maio, que “un criterio médico sempre é máis precavido, teríamos que quedar eternamente na casa”.
A dimisión que desacredita o Goberno de Ayuso
Nese contexto é no que se produciu a dimisión da directora xeral de Saúde Pública da comunidade madrileña, Yolanda Fuentes, ao negarse a asinar a solicitude para avanzar de fase, considerando que a decisión non se asentaba en criterios sanitarios.
Así quedou reflectido pola propia ex directora na súa carta de dimisión, remitida ao conselleiro de Sanidade e que transcendeu na sexta feira, 8 de maio. Fuentes recalcou na misiva que o seu compromiso coa Administración e a poboación madrileñas lle impedían avalar unha decisión "non baseada nos criterios de saúde".
O Estado terá as fronteiras exteriores fechadas
O Goberno do Estado español non prevé unha reapertura das súas fronteiras internacionais até principios do mes de xullo, é dicir, até unha vez teña finalizado o proceso de desconfinamento e sexa posíbel a mobilidade entre provincias. Así o sinalaron fontes diplomáticas, que están a informar do calendario estatal ás autoridades da Unión Europea, co obxectivo de que a apertura de fronteiras sexa coordinada na UE.
O plan non contempla a posibilidade de que algúns territorios poidan recibir viaxeiras de fóra do Estado antes que outros, como expuxeron as illas de Balears e as Canarias.