A segunda longametraxe de Lois Patiño, Lúa Vermella, logrou o premio ao mellor filme no Festival de Toulouse. Non foi este o único galardón que a película do director galego obtivo nesta cita cinematográfica. Tamén logrou o premio á mellor fotografía e mención especial do xurado de novos realizadores no Festival. Este premio únese aos que xa obtivo este filme nestes meses coma o Biznaga de Prata á Mellor Película Española na sección Zonazine do Festival de Málaga.
Nese mesmo festival tamén resultou premiado outro filme galego, 'Longa noite', de Eloy Enciso. Para este traballo foi a nmención especial do xuradoe o premio ao mellor deseño sonoro.
O tránsito cara á ficción de Patiño conserva o aroma documental, que mantén a constante indagación na paisaxe que caracteriza a obra do realizador. O argumento de Lúa Vermella trasládanos a unha vila costeira na que o tempo se detivo. As habitantes fican paralizadas, mentres a natureza e os animais continúan en movemento. O son cotián do fluír da vida crea a sensación de estar nun "limbo cheo de espectros". Tres mulleres (Ana González, Carmen Martínez e Pilar Rodríguez), capaces de transitar entre dimensións, chegan na procura do Rubio, un experimentado mergullador desaparecido.
A segunda longametraxe de Patiño chega tras a celebrada opera prima Costa da Morte (2013), na que o director xa traballara con Zeitum, que neste caso une forzas coa produtora Amanita Studio. A rodaxe transcorreu entre a comarca de Lemos e a Costa da Morte. O filme, antes titulado Tempo Vertical, foi subvencionado pola Agadic.
Longa Noite
Anxo regresa á súa vila no interior da Galiza. Pasou a Guerra Civil e polo que se intúe, é un vencido. Debe entregar unha carta. A súa viaxe á longa noite de pedra franquista transcorre entre aparicións e sombras, entre a procesión de derrotadas e a constatación de que a nova orde tamén se impón dentro das persoas. Austero, radical, dunha beleza estática e terríbel, o segundo filme de Eloy Enciso (Meira, 1975) titúlase xustamente Longa noite (2019). O seu guión está construído a partir da literatura do exilio.