xoves 29/10/20
Entrevista

Lois Patiño: "As miñas películas parten do desexo de investigar a linguaxe cinematográfica"

Lois Patiño vén de gañar a Biznaga de Prata á Mellor Película Española na sección Zonazine do Festival de Málaga con Lúa Vermella (Zeitun Films), a súa segunda longametraxe. Lúa Vermella forma, xunto con Costa da Morte, unha exploración da relación entre os humanos e a paisaxe, pasada pola experiencia da morte, que en Lúa Vermella se achega máis ao mito, á fantasía, que á realidade etnográfica que quería ollar o filme anterior. Lúa Vermella estrearase na Galiza no festival Curtocircuíto antes de chegar en outubro aos cines. Eis un extracto da entrevista co cineasta. Poderás lela enteira no número de Sermos Galiza que acompaña a partir do sábado 5 o diario. Cinema, arquitectura, música, literatura, arte, historia e moito máis no semanario.
Lois Patiño [Imaxe: Julia Llerena]
Lois Patiño [Imaxe: Julia Llerena]

Como está despois de recibir a noticia do festival de Málaga?

Pois foi algo inesperado porque normalmente no festival predominan outro tipo de películas. Fíxonos moita ilusión que apreciasen a nosa.

En Costa da Morte había unha achega etnográfica á relación dos humanos coa paisaxe, cos oficios do mar, coa festa ou coa memoria. Pero xa aparecía o mito, que é o que desenvolve Lúa Vermella. Por que?

Quería afondar na identidade da paisaxe, partindo da idea, que xa estaba en Costa da Morte, de como a historia e a lenda dan forma á identidade. Interesábame máis desta volta o aspecto lendario, mítico, ligado á relación dos humanos coa morte. Costa da Morte e Lúa Vermella forman, así, un díptico, no que Costa da Morte é a realidade e Lúa Vermella é a fantasía. Aínda que rodamos tamén en Monforte de Lemos e na Ribeira Sacra, o espazo xeográfico volve ser a Costa da Morte, onde volven reverbevar o mar e a morte.

En Costa da Morte tiñamos unha cita de Castelao: "nun entrar do home na paisaxe e da paisaxe no home creouse a vida eterna da Galiza". E nós situámonos nese vaivén: como o home tingue a paisaxe cos mitos e como os mitos espertan desa paisaxe, porque non xorden os mesmos mitos da paisaxe galega que da do Sáhara ou de Siberia. En Lúa Vermella, partindo da unión do mar e a morte, creamos un relato, un mito, a partir da historia real de Rubio de Camelle, cun monstros mariños, meigas e a Santa Compaña. Para Lúa Vermella serviunos unha cita de Cunqueiro: "o océano é un animal que respira dúas veces ao día".

Está esa cita de Cunqueiro, están as pinturas de Urbano Lugrís -algunhas poden verse no filme- e moitas outras referencias literarias e cinematográficas...

As miñas películas non parten dun tema, senón do desexo de investigar a linguaxe cinematográfica. Neste caso interesábame a experiencia temporal que emana a partir das figuras inmóbiles das persoas. Aí hai referencias como a pintura de Hopper ou o Ángelus de Millet. Tamén a reflexión sobre o tempo de Gaston Bachelard: o tempo horizontal, que sería o de mar ou o do vento, e o tempo vertical, que sería o do mito ou a revelación. Eu quería crear no espectador un espazo de intimidade, meditación, introspección, por medio da duración da imaxe, de planos longos, de maneira que o espectador poida penetrar na paisaxe e a paisaxe lle devolva a mirada. Parto, así, da forma cinematográfica e do desexo de afondar na identidade galega desde o punto de vista do mito.

Por que decide centrar o filme na historia do Rubio de Camelle?

Ao pouco de comezar a rodaxe a directora de arte, Jaione Camborda, contoume a historia do Rubio de Camelle, un mergullador que rescatou máis de 40 corpos do mar. Parecíame que esta historia unía o tema do dó, o mar como cemiterio... E a partir deste personaxe real construímos unha lenda arredor da súa figura: imaxinamos que o leva o mar, escoitamos os rumores da xente sobre a súa desaparición, coas súas contradicións... O Rubio está no filme interpretándose a si mesmo. E en relación aos naufraxios aparece a idea das almas en pena: as almas aflixidas pola perda dun ser querido no mar, por un lado, porque a película pode lerse como o proceso de dó dunha aldea pola perda dun veciño. Por outro lado, a idea das almas que quedan atrapadas no limbo até que sexan despedidas, polo que é necesario que se rescaten os corpos para poder fechar o proceso.

A lenda está contada a través de textos moi poéticos que ou ben lemos ou ben escoitamos. Como os constrúe? Consultou a obra do antropólogo Carmelo Lisón Tolosana...

A obra de Carmelo Lisón Tolosana é como o substrato antropolóxico que me permitiu ver como se vivían todas estas lendas nos anos 60. Contactei con el por se podía pasarme as gravacións pero, desgraciadamente, non as conserva. Sería moi potente ter esas voces dos anos 60... Consultamos o traballo de Lisón Tolosana, que é moi exhaustivo, e ademais fixemos o noso propio estudo de campo, sobre todo na zona de Camariñas. E o que atopamos é que uns foran quitar o aire dos mortos, outros viran a Santa Compaña, outros viran unha pantasma... As lendas están moi vivas.Ao principio pensamos en integrar este material ao xeito documental, como en Costa da Morte, na que se escoitan conversas entre os veciños. Pero as voces que tiña eran demasiado vivas: precisaba voces máis baixas, máis pausadas, como rumores. Por iso, algunhas das respostas que recollemos van no texto, pero pasadas polo filtro do poético, o metafísico, o universo de Lovecraft. Porque quixemos facer algo que se situase entre o cinema experimental, a ficción, o documental... pasado polo terror cósmico. Ademais, o texto foi escrito no proceso de posprodución, durante a montaxe. As voces son como pensamentos dos veciños ou psicofonías, voces atrapadas no tempo, porque non se sabe se os veciños están vivos ou mortos, se é un soño...

[Podes seguir lendo a entrevista no semanario Sermos Galiza que acompaña Nós Diario. Á venda nos quiosques desde este sábado e tamén na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes facerte nesta ligazón]

comentarios