Feixoo fai a segunda escala do Goberno á súa imaxe

Os cambios continúan na Xunta da Galiza. Ao adeus dado por Núñez Feixoo á conselleira de Educación e ao titular de Sanidade, sumáronse as substitucións do xerente do Sergas e do responsábel de Maiores. Ámbitos, todos eles, onde posíbeis investigacións sobre  a xestión da crise sanitaria podería pasar maior factura. 
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo
photo_camera O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, informou dos novos nomeamentos na Xunta da Galiza.

As mudanzas continúan no círculo máis próximo ao presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, por unha banda para renovar rostros nas consellarías máis desgastadas pola xestión da crise sanitaria (Sanidade e Política Social) e, por outra, para facer os cargos do Goberno á súa imaxe e semellanza, sendo consciente tal e como o propio Feixoo anunciou, que a presente lexislatura será a súa derradeira á fronte do Executivo galego. 

Así, esta quinta feira, 17 de setembro, ao remate do Consello da Xunta, Núñez Feixoo anunciou 19 cambios nos principais cargos directivos na segunda escala de organización das consellarías de Sanidade e Política Social, xustificando as substitucións en Saúde coa entrada do novo conselleiro, Julio García Comesaña, e a configuración do seu propio "equipo". Deixan pois o cargo o até o de agora xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, e o director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares. O primeiro será relevado por Julio Flores e o segundo por Carmen Durán. 

En Política Social, que engloba as residencias de maiores e dependencia, nas cales se rexistra case a metade de falecementos a causa da Covid-19 na Galiza, créase a Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria, que exercerá o doutor Antón Acevedo, e haberá substitución na área de Maiores e Persoas con Discapacidade e mais na de Familia. Da primeira cae Ildefonso de la Campa e da segunda María Amparo González, sendo substituídos por Jacobo Rey e Fernando González Abeixón. 
Estes cambios seguen aos efectuados nas consellarías de Ensino e Sanidade, nas que non revalidaron nin Carmen Pomar nin Jesús Vázquez Almuíña, os dous titulares do Executivo máis criticados.

Dirección de Maiores

Idelfonso de la Campa comezou a súa carreira política institucional  hai moitos anos, en 1995, como asesor na Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta. Mais foi agora, pola criticada xestión da crise nas residencias, cando saltou á palestra.

O político chegou a cualificar de "inevitábel" o aumento dos falecementos nos centros de maiores, argumentando que se debía á "fraxilidade" deste sector poboacional. Pola súa responsabilidade nos centros xeriátricos, a Federación galega de asociacións de familiares e usuarias de residencias (REDE) presentou na Fiscalía Superior da Galiza unha denuncia contra altos cargos da Consellaría de Política Social, nomeadamente contra De la Campa, por delitos de denegación do auxilio, abandono, omisión de socorro con resultados de mortes e lesións, de forma dolosa e con prevaricación, na actuación previa e na propia xestión da crise da pandemia nas residencias.

Cambios nas delegacións para un partido monocor

Feixoo aproveita os cambios nas delegacións territoriais da Xunta para rodearse de acérrimos e rematar coa idiosincrasia do PP de Lugo. Precisamente é aquí onde o partido carece de poder, sen a Deputación nin a Alcaldía da cidade amurallada, polo que a Delegación da Xunta é ouro. O até de agora responsábel dela, José Manuel Balseiro, dá paso a Javier Arias no posto, quedando como mero deputado.

Feixoo non esquece o apoio de Balseiro a Xosé Manuel Barreiro -home forte do PP lugués- que se candidatou e perdeu contra Feixoo na carreira pola sucesión de Fraga en 2006. Ademais, Balseiro apoiou Elena Candia para a presidencia provincial do PP en Lugo, fronte á candidata de Feixoo, Raquel Arias.

Gañou Candia, alcaldesa de Mondoñedo que deixou este ano o bastón de mando para encabezar a candidatura por Lugo á Xunta e recuperar votos para Feixoo. Agora Candia fica tamén sen posto no Goberno e relegada só a deputada. Fontes luguesas sinalan que a relación política entre Balseiro e Candia non pasa polo seu mellor momento.

Marta Fernández Tapias será a delegada da Xunta en Vigo, Luisa Piñeiro, alcaldesa de Moraña, colle a de Pontevedra, Gonzalo Trenor liderará a da Coruña e Alén Castro a de Ourense. 

Comentarios