Análise

Feixoo ambiciona substituír a Casado

O salto do presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feixoo, á xefatura estatal do PP depende dos resultados das eleccións catalás e dos erros de Pablo Casado
Alberto Núñez Feixoo fronte a Pablo Casado. (Foto: @pablocasado)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo fronte a Pablo Casado. (Foto: @pablocasado)

O salto de Nuñez Feixoo á xefatura estatal do PP depende dos resultados das eleccións catalás e dos erros de Pablo Casado. Un mal resultado dos populares nos comicios do 14 de febreiro, incluso ficando por diante de Vox debilita o liderado de Pablo Casado e favorece as posibilidades do presidente galego de saltar a Madrid. Ao tempo, a xestión de Casado é contestada tanto por algúns dirixentes territoriais con poder institucional como por grupos sociais máis comprometidos coa alternativa da dereita, particularmente, polo poder económico.

As enquisas das eleccións catalás favorecen as aspiracións de Núñez Feixoo de substituír a Pablo Casado á fronte do Partido Popular. O mesmo día en que o mandatario galego entrou en campaña a carón do candidato dos populares á presidencia da Generalitat, Alejandro Fernández, diversas sondaxes colocaron á súa formación á cola da representación parlamentaria.

Sen ir máis lonxe, o estudo de opinión de Sociométrica para El Español, o dixital de Pedro J. Ramírez, actualmente comprometido coa liña de Pablo Casado, situou o PP por detrás de Vox e outorgou a Junts per Catalunya a condición de candidatura máis votada.

Os erros de Casado dan folgos a mudanzas na dirección do PP. Neste sentido, o voto negativo do grupo parlamentario popular no Congreso dos Deputados ao decreto que regula a xestión dos fondos procedentes do programa Next Generation provocou un enorme malestar na patronal e agrandou a fenda co actual núcleo dirixente do PP. Así as cousas, os dirixentes da CEOE e os directivos das compañías do IBEX non agochan as súas críticas con Casado e contrapón a súa actitude á de Ayuso e  Feixoo, máis dóciles ás demandadas polo poder económico.

A prensa da dereita faise eco da debilidade de Casado e non dubida en propor Feixoo como alternativa. Así, xornais madrileños moi próximos ao PP, como El Mundo ou La Razón, sinalan na súa edición do pasado domingo que Casado xoga o seu liderado en Catalunya, significando o periódico dirixido por Paco Marhuenda que o resultado que as enquisas lle outorgan a Vox abondaría para desestabilizar internamente a Casado. Pola súa banda, algúns xornalistas de referencia dos principais medios galegos levan semanas criticando abertamente o papel de Casado e defendendo a alternativa de Feixoo.

O presidente galego sabe que está diante da última oportunidade para conseguir a súa desexada candidatura á presidencia do Goberno do Estado e xoga duro. Neste sentido, a súa axenda dos últimos días, reuníndose con Pedro Sánchez nun momento en que este ten cortadas as súas relacións con Casado, intensificando a súa presenza nos medios estatais ou participando na campaña catalá, cun acto onte onde primaron as mensaxes en chave interna apuntan nesa dirección.

O círculo de Pablo Casado non ten dúbidas das intencións de Feixoo. Porén, dirixentes próximos ao presidente estatal do PP sinalan a Nós Diario que as posibilidades de Feixoo a curto prazo son escasas porque Casado ten decidido continuar á fronte do partido independente dos resultados das eleccións catalás e aspira a manterse ao fronte do mesmo após o congreso do vindeiro ano. Na mesma liña, lembran que se “Aguirre non deu articulado unha alternativa a Raxoi controlando Madrid, máis complicado o ten Feixoo”. 

Comentarios