Confirmadas as eleccións o 14-F

O independentismo superaría 51% dos votos Catalunya

ERC gañaría as eleccións catalás do 14-F cunha mínima vantaxe sobre JXCat, mentres que o PSC ficaría en terceira posición, segundo a última sondaxe publicada polo Centre d'Estudis d'Opinió de la Generalitat (CEO).

O vicepresidente da Generalitat en funcións de presidente, Pere Aragonès (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Pere Aragonès, nun acto como vicepresident da Generalitat. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

Segundo a sondaxe do Centre d'Estudis d'Opinió de la Generalitat (CEO), Esquerra Republicana de Catalunya, encabezada por Pere Aragonés, sería a forza máis apoiada nas eleccións catalás do 14 de febreiro, ao obter 34-35 escanos e o 22% dos votos e Junts per Catalunya sería segunda forza, con 32-34 actas e 20,7%.

En terceiro lugar situaríase o Partido Socialista de Catalunya, con 26-29 representantes e 19,6% das papeletas, de maneira que desincha o efecto Illa que prognosticara a enquisa do CIS.

A cuarta forza sería Ciudadanos, con entre 12 e 13 escanos e 9,6% do voto; PP a quinta, con 9 deputados e 7% dos apoios; a CUP con 8 actas e 6,2% das papeletas e En Comú Podem sentaría no hemiciclo entre 6 e 8 parlamentarios co 5,6% dos votos. Vox recollería 4,8% dos apoios e obtería entre 5 e 6 actas, mentres que o PDeCat, co 2,3%, non entraría na Cámara.

A participación, segundo a enquisa, alcanzaría 62%, cando en 2017 foi de 79,9%.

A sondaxe elaborouse con 1.100 entrevistas telefónicas entre o 13 e o 21 de xaneiro, durante a repunta de contaxios da Covid e en pleno debate sobre pospor ou non as eleccións, e conta cunha marxe de erro de 2,95.

O TSXC confirma as eleccións o 14-F

As eleccións serán, de maneira definitiva, o 14 de febreiro, tal e como vén de resolver a sección quinta do contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya após recibir o informe de alegacións da Fiscalía.

Nun documento de quince páxinas, o Ministerio Público argumentaba que a situación actual da pandemia xa se prevía o 21 de decembro, cando se convocaron as eleccións e que o risco de contaxio durante a xornada electoral pode minimizarse con medidas hixiénicas e sanitarias.

A semana pasada, o TSXC ratificara as medidas cautelares que suspendían temporalmente o decreto do Govern que aprazaba as eleccións. Na resposta, que tiña un voto discrepante, o tribunal comprometíase a resolver o fondo da cuestión, como tarde, o 8 de febreiro.

Comentarios