Os despedimentos en Alcoa estalan en precampaña e erguen a oposición

Nacionalización de Alcoa, estatuto electrointensivo e tarifa eléctrica galega, propón o BNG para evitar os despedimentos en San Cibrao. O PSdeG comprométese cun plan "de reconstrución" e Galicia en Común cun "de rescate", mentres que En Marea pide a entrada temporal do Estado no capital da factoría.
Gonzalo Caballero e Ana Pontón, arriba. Pancho Casal, Gómez (imaxe: Nós Diario)
photo_camera Gonzalo Caballero e Ana Pontón, arriba. Pancho Casal, Gómez-Reino e Beatriz Pino, abaixo (Imaxe: Nós Diario)

O anuncio do despedimento de 534 traballadoras e traballadores da factoría de Alcoa en San Cribrao centrou a reacción política na quinta feira, 28 de maio. As forzas da oposición criticaron a inacción do Goberno galego e BNG, En Marea e Ciudadanos sinalaron tamén as responsabilidades do Executivo estatal. Todas elas amosaron diversas solucións que van desde a nacionalización, a posta en marcha dunha tarifa eléctrica e o estatuto electrointensivo até a elaboración dun plan de reconstrución. 

Caballero comprométese cun "acordo de país"

O candidato do PSdeG á Xunta, Gonzalo Caballero, acusou o presidente Alberto Núñez Feixoo de "situarse de lado" e "escapar" das súas responsabilidades en materia industrial". Nese sentido, aseverou que a Consellaría de Economía, Emprego e Industria ten as competencias en materia de industria, mais criticou que a Xunta careza dunha política industrial. 

Caballero comprometeuse a traballar para lograr “un grande acordo de país que reme co Goberno de España e cos concellos para reconstruír Galiza”, co cal aspira, segundo dixo, a “mobilizar 2.500 millóns de euros” para encetar unha “nova política económica e industrial galega”.

Gómez-Reino avoga por un "plan de rescate"

O candidato e voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, apostou por deseñar e pór en marcha "de inmediato" un plan "de rescate" de Alcoa "que garanta a viabilidade da empresa”, e que, en colaboración coas institucións públicas, “poña todos os recursos da Administración autonómica ao servizo do mantemento do emprego”. “Nestes 11 anos de Goberno de Feixoo", dixo Reino, "a Xunta foi unha mera espectadora do desmantelamento da industria da Galiza, da destrución de miles de postos de traballo no sector e do empobrecemento de comarcas enteiras”. Reino recorreu ao Estatuto de Autonomía para lembrar que a Xunta "ten plenas competencias en promoción económica e protección da industria", dixo, polo que considerou que "corresponde á Xunta adoptar as medidas necesarias para protexer, promover e asegurar a continuidade da actividade en Alcoa”.

Reino avogou por conformar un “Goberno de progreso” na Xunta “que exerza as competencias que lle corresponden” e que deseñe un novo modelo produtivo para Galiza. En Común tamén instou a Feixoo a comparecer no pleno da Deputación Permanente do parlamento para someter a control “a inacción da Xunta”, dixo.

Pontón aposta pola nacionalización de Alcoa

Desde o BNG pediron a nacionalización da factoría e a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega para, en palabras da candidata nacionalista a presidir a Xunta, Ana Pontón, “evitar o feche da factoría, a morte de toda unha comarca e impedir un golpe devastador para o sector industrial do país”.

“Propomos a intervención pública da empresa para manter a produción e o emprego”, salientou Pontón, que lembrou que a factoría de San Cibrao xa foi unha empresa pública e que, por tanto, do que se trataría agora sería de “facer un camiño inverso”. “Galiza non pode seguir vendo como se desmantela o sector industrial ante a pasividade do Goberno estatal e da Xunta”, consideran no BNG. Por iso, Pontón apelou ao despregue de “toda a presión institucional e social para garantir o futuro do emprego".

Alén da factoría da Mariña, no Bloque piden tamén a intervención pública da antiga fábrica de Alcoa na Coruña. A respecto dela, Pontón considera que se está a producir “unha situación preocupante debido á operación de compra-venda da planta, avalada polo Goberno estatal e pola Xunta, pero está chea de incertezas", dixo, e "require dunha auditoría”.
De “disparate” cualificou ademais a nacionalista “que poda fechar unha fábrica polo custo da enerxía nun país que exporta electricidade”. Ante esa situación, reclamou pór en marcha unha tarifa eléctrica galega “cun status especial para as industrias electrointensivas”.

Pontón tamén pediu a comparecencia inmediata do presidente da Xunta no Parlamento ante esta "emerxencia” e afirmou que, se finalmente Alcoa fecha, o BNG ve indiscutíbel que a empresa devolva as axudas públicas que recibiu. 

En Marea pide a entrada temporal do Estado

O coportavoz de En Marea, Pancho Casal, propuxo que o Estado entre de maneira temporal no capital da factoría “nunha porcentaxe suficiente que garanta o futuro da planta até que se supere esta situación conxuntural”. Para Casal, “a entrada do Estado debería servir tamén para garantir un funcionamento ambiental transparente e responsábel”. Desde esta formación tamén propoñen que a Unión Europea grave con aranceis "o aluminio alleo que fai dumping medioambiental, dificultando a súa entrada especulativa no mercado europeo”. 

Ao Goberno español En Marea exíxelle que cumpra o seu compromiso de aprobar o estatuto das electrointensivas, e ao da Xunta pídelle que “exerza as súas competencias en política industrial”.

Cs acusa PSOE e PP de deixar morrer Alcoa

"PSOE e PP deixaron morrer a Alcoa”, así o asegurou a portavoz de Ciudadanos na Galiza, Beatriz Pino. “Levamos anos denunciando que isto podía pasar e parece que vai suceder sen que o PSOE nin o PP fixesen nada por salvar os postos de traballo. Moitas promesas e poucos feitos”.

 Pino pediu "ás Administracións competentes" que poñan con urxencia "unha solución.

Comentarios