Fito histórico no balonmán

As deportistas do Guardés proclámanse campioas de liga

O Mecalia Atlético Guardés vén de proclamarse campión de liga na máxima división do balonmán a nivel estatal. As galegas desbancaron as grandes favoritas, as xogadoras do Bera Bera e de Rocasa Gran Canaria. Escriben unha páxina da historia do balonmán feminino na Galiza.

[Imaxe: Maikel Nuñez] As deportistas do Guardés celebran a liga ao concluír o partido
photo_camera [Imaxe: Maikel Nuñez] As deportistas do Guardés celebran a liga ao concluír o partido

Nada mellor para celebrar o seu 50º aniversario. O Guardés fixo historia ao se alzar co título da liga estatal da máxima categoría de balonmán, a División de Honra Feminina.

As mulleres dirixidas por José Ignacio Paredes tiñan na súa man proclamarse campioas –dependían de si mesmas ao ter que sumar tan só un punto- e non deixaron pasar a ocasión.

Venceron 27-20 ao Granollers na Sangriña, con cheo total, nun partido igualado no arranque pero que as guardesas foron encamiñando na segunda parte até superar as visitantes por sete goles.

Había 55 anos que Galiza non gañaba unha liga de balonmán. De aí a gran festa vivida a pasada noite na Guarda, vila engalanada con bufandas e cartaces coas cores dun equipo que só sufriu dúas derrotas esta temporada, as dúas a domicilio.

Mecalia Guardés (15+12): Estela Carrera (8 paradas) e Marisol Carratú (2 paradas); Estela Doiro (4), Anthía Espiñeira (2), Alesia Kurchankova (2), Elena Onicas, Inés Hernández (1), Luciana Mendoza (3), Haridian Rodríguez (4), África Sempere (6), Rosa Álvarez (3), Xeila Fervenza, Rosario Urban (2), Ana Isabel Cerqueira, Raquel Lorenzo e Marta Pombal.

KH7 Granollers (13+7): Ayelen Rosález (5 paradas) e Nicole Morales (6 paradas); Lora Sarandeva, Judith Vizuete (3, 1p), Mireia Torras (2), Carlota Rubio, Miriam González, Ona Vegué (1), Kaba Gassama (5), Anna Rojas, Anna Pi (1), Paulina Buforn (7, 2p), Remei Prat e María Murillo (1).

Parciais: 3-3 / 5-5 / 7-8 / 9-10 / 11-11 / 15-13 (descanso) / 16-13 / 18-13 / 21-15 / 24-16 / 26-17 / 27-20

Árbitros: Friera Cavada e Álvarez Menéndez. Excluíron Judith Vizuete e Paulina Buforn polo equipo visitante.

Comentarios