Imprimir

Perto de 110.000 persoas desempregadas fican fóra do sistema de protección

A.V. | 05 de abril de 2017

Superan as persoas no paro que perciben algunha prestación.

Das case 212.000 persoas que en febreiro estaban rexistradas no paro, perto de 110.000 fican fóra da cobertura de desemprego mentres que 102.800 si perciben a prestación. As beneficiarias de prestacións son agora 10.863 persoas menos que en febreiro de 2016, o que indica o grao de desprotección que se estende entre as persoas que están en situación de desemprego e nas que a bolsa do paro de longa duración faise cada vez máis grande.

Desde a CIG advirten que esa escasa duración do emprego, xunto a alta rotación e a permanencia en situación de paro por tempo elevado, “fai que moitos desempregados aínda que perdan o traballo non teña dereito a prestación”. Subliña o feito de que no mes de febreiro unicamente o 48,5% das persoas desempregadas cobraban algunha prestación, un punto menos que no mes anterior.

Desde CCOO lembran que as prestacións contributivas, as de máis calidade, só representaban o 42,39 % do total, mentres que no caso dos subsidios por desemprego a porcentaxe sobe ata o 46,17 %. En cifras absolutas, a repartición por modalidades era a seguinte: 47 476 percibían un subsidio por desemprego, 43 589 contributivas, 11 052 a renda activa de inserción e 717 correspondían ao programa de activación de emprego.

“A protección social debe garantirse mellorando a cobertura e reforzando as prestacións por desemprego. E, acompañando esta medida, é fundamental potenciar as políticas activas de emprego desde a Xunta”, afirman desde UXT.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/110000-persoas-desempregadas-fican-fora-do-sistema-proteccion/20170405115758056338.html


© 2020 Nós Diario