Formoso urxe a Xunta blindar a factoría de Stellantis en Vigo

O líder do PSdeG afirma que o vehículo eléctrico será o futuro.
Planta de Stellantis en Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Planta de Stellantis en Vigo. (Foto: Europa Press)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, exixiu onte á Xunta da Galiza "facer os seus deberes" e traballar da man do Goberno español para "blindar a presenza da factoría de Stellantis en Vigo da man do vehículo eléctrico".

O líder socialista realizou esta demanda desde a Zona Franca da cidade olívica durante unha visita ás súas instalacións onde mantivo unha reunión co seu delegado, David Regades.

Formoso amosouse "convencido" da asignación da plataforma do vehículo eléctrico para as instalacións de Vigo e, despexar así, un futuro estábel para o complexo de Balaídos.

Para que sexa efectivo urxiu a que se dean as condicións idóneas para que o grupo garanta a súa presenza na Galiza e animou a Xunta a "concretar a súa continuidade canto antes", seguindo o exemplo da Zona Franca de Vigo.

Así mesmo, Formoso destacou "o esforzo do Goberno español para garantir tamén a liña de  alta tensión para a cidade", unha medida que "non fixo Raxoi" e que Pedro Sánchez "si que vai facer para acabar coa discriminación á cidade olívica dos gobernos do PP".

Ademais, o secretario xeral do PSdeG afeou ao Goberno galego por manterse "observando como os grandes expedientes e proxectos tractores están á espera de decisións fóra da Galiza". Nesta mesma liña, Formoso cuestionou a "pasividade" da Xunta fronte á "actitude proactiva" doutros territorios que si buscan garantir a continuidade das marcas.

Por último, o líder do PSdeG criticou que a Xunta "non reaccione" malia que a Galiza terá en 2023 a metade de crecemento económico de Cantabria e, aínda así, o Executivo galego "non activa liñas de axuda".

Comentarios