A compra de vehículos chineses no Estado multiplicouse por 13

Stellantis Vigo pretende facer un novo ERTE en 2023.
A chinesa MG agarda triplicar as vendas en 2023 no mercado estatal (Foto: MG).
photo_camera A chinesa MG agarda triplicar as vendas en 2023 no mercado estatal (Foto: MG).

O valor das importacións no Estado español de vehículos fabricados na China durante os dez primeiros meses do ano situouse en 702 millóns de euros, o que supón multiplicar case por 13 (1.172%) a cifra no mesmo período de 2021, segundo os datos achegados esta terza feira pola Asociación Española de Fabricantes de Automóbiles e Camións (Anfac).

O director de Comunicación e Marketing da asociación, Félix García, explicou que este forte incremento interanual xustifícase polo "desembarco" de diferentes firmas no mercado español e pola chegada de novos modelos de marcas como MG, Lynk&CO ou BYD, entre outras.

Desta forma, a China converteuse no décimo mercado que máis vehículos exporta ao Estado español entre xaneiro e outubro de 2022, nunha lista que estivo encabezada por Alemaña, con 3.324 millóns de euros, 16,3% de suba.

Despois do liderado xermano nas exportacións de vehículos ao Estado español, séguenlle Francia, cun importe de 1.513 millóns de euros, 14,6% de crecemento, e a República Checa, que con 1.177 millóns, medrou 23,3%.

García sinalou que o crecemento das compras de vehículos fabricados na China vese fortemente influenciada pola falta de microchips, que provocou paros na fabricación de vehículos nas factorías da Unión Europea (UE), así como polos atrasos nas entregas de unidades das marcas pertencentes aos Estados da UE.

ERTE en Stellantis Vigo

En canto á industria automobilística no país, Stellantis Vigo negociará un novo expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) cos sindicatos a comezos de 2023, segundo aseguraron fontes da empresa, que alegaron a necesidade de desenvolver esta medida pola crise de microchips e as dificultades loxísticas que a compañía atravesa para mobilizar os vehículos fabricados na fábrica viguesa de Balaídos.

Porén, a empresa afirmou que aínda descoñece as datas nas que Stellantis Vigo comezará a manter contactos cos sindicatos para tratar a posibilidade de levar a cabo este novo ERTE na factoría de Balaídos, unha planta que conta con 6.400 persoas traballadoras no seu cadro.

Comentarios