Stellantis Vigo rebaixa o ERTE a un máximo de 75 xornadas e mantén o despido de 100 traballadores

O Parlamento da Galiza reclama que o Goberno conceda unha axuda directa de 700 millóns para a industria galega de automoción.
A falla de compoñentes está a afectar a planta de Stellantis en Vigo, que viu reducida a súa produción (Foto: Marta Vázquez / Europa Press).
photo_camera Factoría de Stellatis en Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

Stellantis Vigo anunciou esta terza feira, tras unha nova reunión cos sindicatos, que o expediente de regulación de emprego temporal (ERTE) que a multinacional quere pór en marcha na factoría de Balaídos afectará potencialmente a 5.037 traballadores durante 60 xornadas, 30 menos que as anunciadas hai semanas, mais que poderán ser prorrogábeis até un máximo de 75.

Nun comunicado remitido aos medios, a compañía tamén mantivo a súa intención de realizar un expediente de regulación de emprego (ERE) a un máximo de 100 traballadores.

Así mesmo, en resposta ás peticións dos sindicatos, Stellantis Vigo aceptou tomar medidas de suspensión do contrato de traballo con dereito de retorno para que os empregados "poidan traballar noutra empresa ou nun proxecto persoal durante 12 ou 24 meses".

Tamén a posta en marcha do 'permiso senior', unha autorización de "longa duración para facilitar o tránsito cara á xubilación anticipada voluntaria".

Volta á actividade

Hoxe mesmo Stellantis Vigo renovou a súa actividade no sistema 1 de produción, que monta os modelos Peugeot 2008, Peugeot 301 e Citroën C-Elysée, tras parar a súa actividade desde a pasada fin de semana coa desconvocatoria de varias quendas previstas e as tres quendas desta pasada segunda feira, 16 de xaneiro.

A pesar da volta á actividade, fontes da compañía aseguraron que "se mantén a tensión nos fluxos de aprovisionamento por falta de subministracións".

Folgas en empresas auxiliares

Por outra banda, os traballadores de dúas empresas que prestan servizos a Stellantis; a empresa porriñesa TBSI, que fabrica pezas plásticas para automoción; e a compañía Avenir Conseil Formación ACF, con sede en Vigo, que presta servizos informáticos a Stellantis a nivel mundial; continúan en "folga indefinida" desde o pasado 9 de xaneiro.

No caso de TBSI, os paros foron convocados ante os despedimentos que a entidade realizou para abaratar custos e a súa intención de externalizar algúns dos servizos que presta.

Pola súa banda, os traballadores de Avenir Conseil Formación ACF continúan en folga indefinida ante os plans da compañía de deslocalizar os seus recursos a outros territorios como Marrocos.

Axudas directas á automoción

Por outra parte, o Parlamento da Galiza instou a Xunta a dirixirse ao Goberno estatal para reclamar unha axuda directa á automoción galega de máis de 700 millóns, de forma que non sexa inferior ao 23,6% dos fondos destinados ao Perte VEC -que se sitúa en 2.975 millóns en subvencións e préstamos-.

Esta proposta do PPdeG saíu adiante coa abstención da oposición despois de que o grupo maioritario na Cámara non aceptase as súas emendas. Na Comisión de Industria, o deputado popular Moisés Rodríguez defendeu a "urxencia" de pronunciamento claro do Parlamento para que Galiza obteña axudas directas que non sexan "inferiores" ao que reciben comunidades como Catalunya ou Comunitat Valenciana.

O deputado Martín Seco (PSdeG) criticou que a Xunta "non fai nada", senón que só "esixe ao Goberno do Estado que faga".

Tamén María do Carme González Iglesias (BNG) sinalou que tanto Estado como Xunta "son culpábeis" de utilizar os fondos europeos "para lanzarse acusacións" e "escaquearse". "Deixen de usar a automoción na área de Vigo como arma arreboladiza", pide.

Segundo dixo, a automoción galega está "abandonada polas políticas industriais do Estado", pero tamén reprocha que a Xunta só "fai seguidismo de grandes industrias" debido a que "non hai un plan para a automoción".

Comentarios