A ministra Maroto anuncia novos investimentos en Stellantis Zaragoza e deixa no ar a planta de Vigo

Abel Caballero asegurara a comezos de mes que Vigo entraría no Perte de automoción; porén, esta sexta feira Reyes Maroto apuntou que o Executivo estatal aínda está estudando as alegacións presentadas por esta factoría e a de Madrid, cuxos proxectos foron inicialmente rexeitados.
A factoría de Stellantis en Vigo é unha das máis importantes da automoción galega (Foto: Europa Press).
photo_camera A factoría de Stellantis en Vigo representa un dos piares da industria galega. (Foto: Europa Press)

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, anunciou esta sexta feira que a planta de Stellantis no municipio zaragozano de Figueruelas será a encargada de fabricar un novo modelo, que contará con versións electrificadas. A ministra visitou as instalacións da compañía neste concello con motivo do seu 40 aniversario, e asegurou que, nos próximos días, darase a coñecer a resolución definitiva do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica do Vehículo Eléctrico e Conectado (Perte VEC).

Maroto afirmou que a noticia da produción dun novo modelo na planta de Stellantis en Figueruelas "permite mirar o futuro con maior certeza", especialmente nun contexto como o actual, marcado pola guerra e no que a crise dos semicondutores "está a obrigar a industria a axustar a súa produción e ao Goberno de España a tomar medidas para protexer e garantir novos investimentos".

"Hai compromiso do Goberno central para que parte dos investimentos que leven a cabo nesta planta sexan financiados co Perte VEC", indicou, ao tempo que precisou que aos 42 millóns comprometidos na resolución provisional sumarase "unha mellora substancial" que dotará de máis confianza Stellantis Zaragoza.

Nesta liña, Maroto incidiu na necesidade de seguir traballando nas novas iniciativas que o grupo Stellantis quere desenvolver en Europa, e apuntou que o Estado español vai colaborar para que as tres plantas —alén de Figueruelas, as de Vigo e Madrid— "encaren o futuro con confianza" e seguirá traballando coa compañía para "reforzar" eses investimentos, "porque sempre que haxa proxectos", dixo, "poremos os instrumentos necesarios".

E que acontece con Vigo?

Porén, a respecto da factoría de Vigo, Maroto sementou incerteza. Se ben o pasado 5 de outubro o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, afirmaba que a planta viguesa entraría no Perte de automoción, a ministra dixo agora que o Goberno estatal está aínda "analizando" as alegacións presentadas por esta factoría e máis a madrileña após o descarte inicial dos seus proxectos. "Moitas delas foron atendidas e agardo dar boas noticias nos próximos días", matizou.

En canto ás plantas de Stellantis en Vigo e Madrid, que apoian o proxecto Aries (Automoción Reciclable, Intelixente, Eléctrica e Sostible), asociado a investimentos por valor de 43 millóns de euros, a ministra comentou que as alegacións presentadas "foron atendidas" e espera poder dar "boas noticias" nos próximos días, informando de que tamén está dentro da convocatoria.

Aries divídese en 26 proxectos primarios que deben executarse antes de finais de 2025, seis deles liderados por Stellantis, como o impulso da nova xeración de vehículos eléctricos que se ensamblan nas factorías, a implantación dun novo taller de baterías en Vigo, a reutilización da auga industrial ou a redución do consumo de enerxía.

As plantas de Vigo e Madrid apoian o proxecto Aries —Automoción Reciclábel, Intelixente, Eléctrica e Sostíbel—, do que participan 25 entidades, 17 delas situadas na Galiza. O 72% das empresas adheridas a este proxecto son pemes, que asumen 40% do orzamento e optan a 55% das axudas solicitadas.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios