O salario medio galego fica máis de 200 euros por baixo do estatal

O PIB galego (+4,2%) medrou menos que o estatal (+5,8%) en 2022.
A media salarial é máis baixa no sector servizos que nos outros (Foto: David Zorrakino / Europa Press).
photo_camera A media salarial é máis baixa no sector servizos que nos outros (Foto: David Zorrakino / Europa Press).

A media dos salarios mensuais totais (incluíndo as horas extras e os complementos salariais) aumentou 3,6% na Galiza no terceiro trimestre de 2023 con respecto ao mesmo período de 2022, situándose en 1.901,15 euros, máis de 200 euros por baixo da media estatal dos salarios mensuais totais (2.117,80 euros), que medrou 4,2%.

Pola súa parte, o salario ordinario mensual (sen horas extras e complementos salariais) medio na Galiza medrou 5,2%, até os 1.761,64 euros, case 170 euros por baixo da media estatal, de 1.931,37 euros ao mes.

Segundo a Enquisa Trimestral de Custo Laboral publicada esta segunda feira polo Instituto Nacional de Estatística, o custo laboral medio por persoa traballadora e mes (que inclúe as remuneracións e as cotizacións sociais) subiu 4,9% na Galiza, até un total de 2.618,75 euros ao mes. Este incremento é similar ao medre de 5% da media estatal e fica 274 euros por baixo do custo laboral medio no Estado, que se eleva a 2.892,73 euros.

Por ámbitos, os salarios totais medios aumentaron 3,7% no sector galego da construción, até os 2.004,75 euros ao mes; 3,2% no sector servizos, até os 1.821,45 euros; e 5,6% no industrial, até os 2.212,46 euros.

Crecemento do PIB

Segundo os datos da Contabilidade Rexional publicados esta segunda feira polo INE, o Produto Interior Bruto (PIB) da Galiza medrou en 2022 nunha taxa de 4,2%, máis dun punto porcentual e medio por baixo do incremento do PIB estatal, que foi de 5,8%. Ademais, o PIB per cápita situouse na Galiza en 2022 nos 25.906 euros, máis de 2.000 euros por baixo da media do Estado español, de 28.162 euros.

Caída das exportacións

A Galiza exportou bens por 2.783,9 millóns de euros en outubro, 1,4% menos que no mesmo mes de 2022, segundo os datos de comercio exterior publicados esta segunda feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Así, as exportacións galegas anotaron cinco meses consecutivos de baixadas interanuais (o último dato positivo foi o de maio). Isto provocou que no acumulado do ano, entre xaneiro e outubro, as vendas ao exterior baixasen 0,5% en comparación co mesmo período de 2022. Un descenso que contrasta co dato estatal, onde as exportacións se mantiveron invariábeis (0%) no período.

Comentarios