As exportacións galegas continúan coa súa caída e acumulan cinco meses de descensos

Os produtos con maior influencia negativa en outubro foron os combustíbeis (-46,8%). No outro extremo, automóbiles e aeronaves son as que experimentan maior incremento.
Porto Exterior da Coruña, en Punta Langosteira (Foto: Europa Press)
photo_camera Porto Exterior da Coruña, en Punta Langosteira (Foto: Europa Press)

Galiza exportou bens por 2.783,9 millóns de euros en outubro, 1,4% menos que hai un ano, segundo os datos de comercio exterior publicados polo Instituto Galego de Estatísticia (IGE) esta segunda feira.

Así, o país acumula cinco meses consecutivos de baixada das exportacións (o último dato positivo é de maio). Isto provoca que no acumulado do ano, entre xaneiro e outubro, as vendas ao exterior baixen 0,5% en comparación con 2022.

Un descenso que contrasta co dato estatal, onde se mantén invariábel (0%) nese período.

Os produtos con maior influencia negativa en outubro foron os combustíbeis (-46,8%). No outro extremo, automóbiles e aeronaves son as que experimentan maior incremento.

Igualmente, de xaneiro a outubro, os combustíbeis rexistran os peores datos de vendas ao exterior (5,6 puntos menos). As mellores cifras son para os automóbiles (5,2 puntos máis).

Caída das importacións

No tocante ás importacións, Galiza computa un retroceso de 24,9% en outubro, cun total de 1.911,7 millóns. É moito máis acusado que o 6,3% de descenso no Estado.

Nos dez primeiros meses do ano realizáronse importacións por valor de 37.412,8 millóns na Galiza, unha caída de 23,2%. Deste modo, a balanza comercial é positiva en 7.561 millóns, cunha taxa de cobertura de 144%. En cambio, no Estado hai un déficit de 34.732 millóns nese período, onde a taxa de cobertura fica en 90,2%.

Comentarios