O salario medio no Estado é máis de 2.500 euros ao ano máis alto que na Galiza

A fenda de xénero sitúase nos 5.000 euros na Galiza.
Evolución do salario medio bruto na Galiza e no Estado entre 2017 e 2021 (Gráfica: INE / Nós Diario).
photo_camera Evolución do salario medio bruto na Galiza e no Estado entre 2017 e 2021 (Gráfica: INE / Nós Diario).

O salario medio bruto na Galiza situouse en 23.305,9 euros en 2021, o que supón unha suba de 2,1% respecto ao ano anterior. Con todo, este incremento é inferior á taxa de 2,9% de incremento no conxunto do Estado español, onde se elevou a 25.896,8 euros, máis de 2.500 euros por riba do dato galego.

Así figura na Enquisa de Estrutural Salarial 2021 do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicada esta terza feira, na que se recolle que os soldos galegos son os quintos que menos soben no Estado, coas Illes Balears á cola (1,1%). Pola contra, destaca a suba de 4,5% en Estremadura.

A nivel de salario bruto, o da Galiza é o sexto máis baixo do Estado, con Estremadura co peor dato (21.193 euros). En cambio, sobresae Euskadi coa mellor cifra (31.063 euros).

Por xéneros, a fenda é de case 5.000 euros na Galiza en 2021. Así, un home cobra de media 25.794,2 euros, mentres unha muller percibe 20.904,4 euros.

Ademais, a redución da fenda salarial de xénero foi menor no caso galego que no estatal, posto que os salarios das mulleres ascenderon 2,2% na Galiza (3,2% no Estado) e o dos homes 2% (2,7% no Estado). Desta forma, o recorte é de 0,2 puntos porcentuais en favor das mulleres na Galiza fronte a 0,5 no conxunto do Estado español.

Por outra parte, unha persoa traballadora galega recibiu de media 14,74 euros por hora, tamén por baixo dos 16,5 euros da cifra estatal. Ademais, a suba na Galiza do salario por hora, de 0,2 euros, foi menor que no Estado español, de 0,4 euros.

Entre o 10% da poboación galega que percibe as remuneracións máis baixas a media dos salarios en 2021 foi de 10.065,82 euros, moi por baixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) da altura, de 13.510 euros anuais, e do SMI actual, de 15.120 euros ao ano.

No caso do cuartil inferior, o 25% da poboación cos menores salarios, a media do salario bruto anual na Galiza foi de 14.491,19 euros (15.215,03 no Estado), o que se traduce nunha fenda de máis de 724 euros para as clases populares galegas.

Comentarios