A CIG pide á Inspección de Traballo "acción real" contra a desigualdade

A Inspección de Traballo só tramitou 17 de 40 casos de discriminación salarial denunciados pola CIG en Vigo.
Delegadas da CIG na mobilización desta cuarta feira na cidade de Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Delegadas da CIG na mobilización desta cuarta feira na cidade de Vigo (Foto: Nós Diario).

Centos de delegadas e delegados sindicais da CIG de todo o país mobilizáronse esta cuarta feira en Vigo diante da Inspección de Traballo para reclamar “unha acción real e efectiva” da autoridade laboral diante das numerosas denuncias presentadas pola central sindical ante os incumprimentos das empresas en xeral e nomeadamente en materia de igualdade e de equiparación salarial das traballadoras. 

Previamente, tivo lugar o XII Encontro Nacional de Mulleres, convocado pola Secretaría das Mulleres da CIG no marco da campaña "Imos rematar coa fenda salarial" para abordar estas diferenzas retributivas, identificar as causas, exemplificalas con casos concretos e reclamar medidas urxentes para rematar con esta situación.

A secretaria confederal de Organización, Susana Méndez, explicou que o obxectivo da mobilización era exixir “unha verdadeira acción que remate coas discriminacións e atropelos que viven as traballadoras nos seus centros de traballo cada día”. 

A responsábel sindical indicou que a protesta respondía a que “só percibimos parálise e silencio de quen ten que velar por que se cumpran as condicións laborais recollidas nos convenios e no Estatuto dos traballadores e das traballadoras”.

Como exemplo puxo as numerosas denuncias sobre discriminacións salariais das mulleres en diversas empresas. “Só a esta oficina da Inspección na que hoxe (por esta cuarta feira) estamos, a CIG trouxo nos últimos dous anos case 40 casos sobre esta problemática, e deles, só constan tramitados 17, sen que se saiba se houbo actuacións ou que actuacións se levaron a cabo no resto de denuncias”, afirmou.

Desvalorización do traballo das mulleres

A secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, denunciou que "a desvalorización do traballo das mulleres, ademais de empobrecelas, sitúaas nunha posición subalterna no mercado de traballo".

Así mesmo, expuxo Castro, "os salarios dos convenios de sectores e empresas feminizadas son, de media, arredor de 30% inferiores que nos sectores masculinizados (máis de 500 euros mensuais)".

Comentarios