VÍDEO NO INTERIOR

Persoal de limpeza de Correos protesta polos impagamentos: "Onde están os nosos salarios?"

Os sindicatos responsabilizan a concesionaria, SCT Ibérica, por unha situación que se repite por todo o Estado español.
Protesta nas oficinas santiaguesas da rúa do Franco. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta nas oficinas santiaguesas da rúa do Franco. (Foto: Nós Diario)

"Onde están, que non se ven, os nosos salarios a fin de mes". Contundente e clara foi a mensaxe que lanza o persoal da concesionaria do servizo de limpeza de Correos desde a sede da rúa do Franco, en Santiago. A adxudicataria, Limpiezas Córdoba —do grupo SCT Ibérica—, ten actualmente o contrato en boa parte das oficinas postais do Estado español e os impagamentos que denuncia o persoal están a provocar numerosas protestas en lugares, alén da Galiza, como Nafarroa, Catalunya, País Valencià ou Euskadi.

Sindicatos como CIG, CUT ou UXT veñen denunciando nas últimas datas as "incidencias e atrasos" no abono das nóminas ao persoal do servizo en todo o país por parte desta nova concesionaria. "Non abonar os salarios polo traballo feito para obrigar as persoas traballadoras a que saían á rúa defender o seus dereitos, e así que a empresa aproveite a presión sindical para solucionar os seus conflitos particulares con Correos, define de forma moi clara que tipo de compañía é esta", sinalaban recentemente desde a CIG-Servizos.

Un conflito que xorde no marco das negociacións entre a sociedade estatal de Correos e SCT que, de non prosperaren, engadían desde a CUT, "isto pode ter como consecuencia un ERE sobre o cadro de persoal". A CUT reclama tamén o pagamento dos atrasos e afirma que este "é un exemplo máis de como a externalización e a privatización dos servizos se fai sempre a costa dos dereitos da clase traballadora".

O persoal avanza que, de non cobrar os salarios adebedados, comezará a artellar un calendario de mobilizacións e protestas da man das forzas sindicais a fin de adoptar "todas as medidas necesarias" para "garantir os dereitos das traballadoras e traballadores" da empresa adxudicataria.

Tarragona e Alacant foron outras das cidades nas que nas últimas datas se manifestou o persoal a soldo de SCT Ibérica por impagamentos e atrasos nas nóminas.

Comentarios